ConcellosEn portadaGalerías de fotosLaroucoÚltima hora

Festa do Xarrete de Larouco, un acto de agradecemento e esperanza tralos incendios do pasado verán

Promovida pola Asociación "Sempr3 Larouco" reunía a unhas 200 persoas no pavillón municipal

 

Hai veces en que das desgrazas xurden ideas bonitas e actos cargados de agradecemento, ilusión e esperanza. Así nacía a Festa do Xarrete que no mediodía deste sábado 28 de marzo reunía a unhas 200 persoas arredor da mesa en Larouco da man dun grupo de mozos que forman “Sempr3 Larouco”.

 

 

A asociación nacía o ano pasado tralos terribles incendios de agosto que arrasaban a comarca. “Unha noite pensamos en darlle algo ao pobo, unha festa, unha alegría,… unha forma de agradecerlle o recoñecemento que se nos deu no seu día”, explican eles mesmos. Aí xurdía a idea da festa que hoxe celebran, coa plantación de tres árbores en colaboración coa Fundación ABANCA, a decoración do pavillón por conta do Concello e a placa en nome da asociación en homenaxe a todos os veciños “de Larouco, Seadur, Freixido, A Portela,… e doutros lugares que viñeron a axudar. Esa é a idea, dar a grazas a todos os que axudaron”.

 

 

A Asociación “Sempr3 Larouco” está formada por entre 20 e 30 mozos con orixes en Larouco e amigos espallados por Europa (Francia, Bélxica,…) e noutras partes de España (Madrid, Valencia, Andalucía,…). “Temos as raíces no pobo e coñecémonos de xogar aquí de nenos, con ese sentimento de pobo onde somos felices”, aseguran, adiantando que en agosto esperan facer outra festa aproveitando que vén a xente de vacacións. Chamarase “A nosa noite” e será moi especial.

 

 

No xantar, servido por Mantesil, os asistentes entre os que estaba a alcaldesa Patricia Lamela, degustaron un menú formado por consomé e entremeses, xarrete de tenreira, bica de Larouco, viños mencía e godello, café e chupitos.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button