
O Auditorio de Ourense acollerá o 18 de abril a IV Gala Solidaria Por Eles TEA, un espectáculo musical que busca achegar á sociedade a realidade das persoas autistas.
O evento, organizado pola asociación Por Eles TEA coa colaboración do Concello, é o acto central dun mes no que a entidade organiza diferentes actividades coa finalidade de concienciar e sensibilizar a sociedade sobre o autismo. A presentación contou coa asistencia do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; a concelleira de Asuntos Sociais, Tamara Silva; a presidenta, Eva Guzmán; a vicepresidenta, María Dolores Losada, e a vogal, Rebeca Iglesias, da asociación.
A gala “é un espectáculo musical co que buscamos achegar un pouquiño máis á sociedade ourensá a realidade das persoas autistas, explicar cales son as súas dificultades e cal é o seu día a día. E contamos cuns artistas estupendos que nos van amenizar a tarde”, manifestou a vicepresidenta de Por Eles TEA. “Agradecémolo moitísimo porque é un traballo moi grande que fan desinteresadamente, poñen todo o seu talento e o seu esforzo ao noso servizo”.
Explica que “temos como madriña Á Pedreira, unha artista galega recoñecida moi sensibilizada en temas de diversidade; a presentadora volverá ser Tamara Pérez, que é unha xornalista supercoñecida, e Marta Bravo, do estudo Repenica, é a directora do evento”. O programa musical e escénico contará co apoio dunha banda profesional que acompañará as distintas actuacións previstas. Tamén participará Ruth Lovera, de Vivir Signando, que adaptará algunhas das cancións á lingua de signos para facer máis accesible e inclusiva a gala.

As entradas pódense adquirir en Ataquilla. “Esperamos que veñan todos os ourensáns o 18 de abril ao Auditorio. Van saír contentos co espectáculo que ofrecemos e sabendo un pouquiño máis de como é a vida dunha persoa autista. Quen veña, repetirá seguro”, manifestou María Dolores Losada. Tamén existe unha fila cero para quen desexe colaborar coa asociación.
Por ElesTEA aproveita a proximidade do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo para desenvolver unha programación de actividades que inclúe formacións, xornadas de concienciación en centros educativos e charlas informativas en diversos concellos da provincia, abertas ao público en xeral.
Pola súa banda, Tamara Silva subliñou que “desde o Concello estamos encantados de colaborar un ano máis con esta iniciativa. A gala xa é un clásico e queremos animar a todos a participar, acudir como público á gala e desfrutala, porque o pasarán moi ben”.