A VeigaConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Estación a estación, polo XXV Vía Crucis da Serra (A Veiga), no teito de Galicia

 

Dende o Alto da Portela, baixo un ceo completamente despexado, partía ás tres e media da tarde deste Xoves Santo o XXV Vía Crucis da Serra, o máis alto de Galicia. Numerosas persoas participaban neste percorrido relixioso de quince estacións en granito, realizadas por Pepe de Barrio, escultor de Lamalonga xa falecido.

É un longo traxecto, enmarcado pola paisaxe montañosa de Trevinca nunha soleada tarde abril. O  Viacrucis prosegue ata alcanzar, normalmente xa anoitecendo, a decimoquinta e derradeira estación (a Resurrección do Señor), xustamente na entrada de Lamalonga. Unha vez finalizado o calvario, os asistentes poderán repoñer forzas cun chocolate ben quentiño.

 

 

Un ano máis, esta iniciativa, que contaba coa colaboración do padre Javier, ten sido promovida pola Asociación de Cooperación para o Desenvolvemento de Lamalonga “Pepe de Barrio”. No traxecto contaban coa colaboración de Protección Civil e do GES da Veiga.

 

 

Os participantes pedían o arranxo da estrada pola que discorre o percorrido, indicando que se atopa en moi mal estado tras os temporais rexistrados neste inverno.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

Back to top button