ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

Centos de caracois acesos volven alumar o paso da Virxe da Soidade no Castro (O Barco)

 

Portada por catro mulleres enloitadas, a Virxe da Soidade saía, en plena escuridade e pasadas as 22h. do Venres Santo, da igrexa do Castro (O Barco). As luces desta vila apagábanse e comezaba esta senlleira e fermosa procesión da Soidade, máis coñecida como “dos Caracois” xa que é tradición que ao paso da imaxe se lle vaia prendendo lume a centos e centos de cunchas de caracois e piñas, que van alumando o seu camiño. Algunhas debuxaban diferentes formas, como cruces, outras simplemente marcaban o camiño. Tamén se usaban piñas.

 

 

 

 

A súa preparación e o proceso de ir acendéndoos corren a cargo dos veciños do Castro, que días antes comezan coa organización, cuxos preparativos culminaban na tarde e noite do Venres Santo. Tamén se ocupaban de preparar á Virxe.

 

 

 

 

A comitiva relixiosa, entre cánticos, facía unha parada fronte á capela privada do Pazo do Castro, onde se xuntaban a Virxe de Soidade da parroquia coa da capela do Pazo. De seguido, a procesión continuaba, percorrendo o pobo ata concluír, de novo, na igrexa. Multitude de persoas participaban neste acto relixioso, un dos máis emblemáticos da Semana Santa barquense, que o ano pasado no puido celebrarse por mor da chuvia.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Vídeos: O SIL.

 

 

 

 

 

Back to top button