
A Ribeira Sacra vén de pechar a Semana Santa cunha ocupación media próxima ao 85% nos días centrais e con boas previsións para o mes de abril. No relativo á Semana Santa, os datos recibidos ata o de agora, amosan un comportamento moi positivo do destino, especialmente nas datas centrais. Así, “entre o 27 e o 31 de marzo, a ocupación media acadou o 64,67 %, mentres que entre o 1 e o 6 de abril ascendeu ata o 84,28 %, confirmando unha elevada concentración da demanda nos días principais. En todo caso, superáronse as previsións que se manexaban nas semanas anteriores, 57% (días previos) e 76% (días centrais)”, tal e como se informa dende o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.
A ocupación desagregada por tipoloxía durante a Semana Santa foi a seguinte:
- Hoteis 4 e 3*: 70,60 % nos días previos e 82,50 % nos días centrais
- Turismo rural: 64,11 % e 72,47 %
- VT + VUT: 55,00 % e 95,00 %
- Resto de aloxamentos: 69,00 % e 87,17 %
“En comparación co ano pasado, Ribeira Sacra mellora os datos rexistrados nos días centrais de Semana Santa, pasando do 80,31 % en 2025 ao 84,28 % en 2026, consolidando así este período como un dos momentos de maior afluencia turística do ano no destino”, aseguran dende o consorcio.
Así mesmo, matízase que, “en termos absolutos, e sobre unha oferta total de 10.543 prazas, rexistrouse un volume estimado de 6.818 prazas ocupadas nos días previos, entre o 27 e o 31 de marzo, e de 8.885 prazas nos días centrais, do 1 ao 6 de abril. Trátase dun comportamento especialmente positivo neste segundo tramo, no que se concentrou a maior parte da demanda turística, superando ademais os rexistros acadados nos días centrais da Semana Santa de 2025, cando se contabilizaran 8.001 prazas ocupadas, e tamén os de 2024, con 7.436 prazas ocupadas”.
O bo tempo pode explicar, en boa parte, o incremento das reservas de última hora. “O sector amósase moi satisfeito, tendo en conta tamén os comportamentos dispares noutros destinos de Galicia”, conclúe o consorio, que, ademais, adianta que, de cara ao mes de abril, “as previsións apuntan a unha ocupación media do 30,31 % nos días laborais e do 44,61 % nas fins de semana”.