CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

“Cada talento conta”, lema da Semana de Orientación Profesional 2026 do Pablo VI (A Rúa), do 13 ao 17 de abril

 

Na vindeira semana celebrarase no Colexio Pablo VI da Rúa a Semana de Orientación Profesional 2026, unha iniciativa educativa organizada dende o Departamento de Orientación que nace co propósito de “axudar aos mozos para descubrir o seu camiño, recoñecer as súas capacidades e comprender que cada talento ten un lugar e un valor na sociedade”.

Baixo o lema “Cada talento conta”, a semana xirará sobre a idea de que non existe un único modelo de éxito nin un só itinerario profesional.” Cada persoa ten habilidades, intereses e vocacións diferentes, e o noso obxectivo é ofrecer ao alumnado experiencias que lles permitan coñecerse mellor e empezar a construír o seu propio proxecto de vida”, explican dende o Departamento de Ourientación, asegurando que durante estes días o centro converterase nun espazo de encontro entre o mundo educativo e o mundo profesional.

 

 

O programa reúne a profesionais de ámbitos moi diversos (arte, comunicación, ciencia, educación, empresa, enxeñería ou sanidade) que compartirán a súa experiencia a través de charlas, coloquios, talleres e encontros co alumnado. Entre as actividades previstas destacan talleres como “Descobre as túas habilidades”; experiencias prácticas como “Científico por un día”; encontros sobre titulacións universitarias e saídas didácticas para coñecer de cercado a que dedícanse profesionais da contorna máis próxima. “O obxectivo é que os estudantes poidan ver, escoitar e preguntar directamente a quen xa están adesenvolver  a súa vocación”, destacan.

 

 

A portada do programa, creada pola pintora Lola Doporto, marca de forma plástica a folla de roteiro do programa. A súa obra representa o que ela denomina “a cartografía da vocación” e dende o centro gradecen especialmente a súa colaboración. “Na súa pintura observamos o perfil dunha mente en construción: un espazo interior onde conviven coñecemento, imaxinación e experiencia. Os libros simbolizan a aprendizaxe, o bufo a sabedoría e a reflexión, e os elementos cósmicos evocan as ideas, a curiosidade e as posibilidades infinitas que cada persoa alberga. Todo iso lémbranos que a vocación non é algo fixo nin inmediato, senón unha estrutura que se constrúe co tempo, a partir do que aprendemos, exploramos e descubrimos sobre nós mesmos”, explican dende a organización, asegurando que esta imaxe “resume perfectamente o espírito da Semana: acompañar aos mozos na construción do seu propio camiño”.

 

 

Dentro do programa destacan tamén a participación de José María Suárez Quintanilla, presidente da Unión Profesional de Galicia, médico e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, que compartirá a súa experiencia co alumnado. “A súa intervención enmárcase ademais dentro do Tour Profesional, unha iniciativa que conecta a máis de 30 institucións culturais e educativas e que permite achegar aos estudantes distintas realidades profesionais e académicas”.

 

 

A Semana concluirá cunha proposta moi especial que simboliza que as vocacións poden xurdir tamén da  creatividade e a arte. Así, o Mago Deimi (Damián Varela) será o encargado da clausura cun espectáculo que combina técnica, humor e ilusión, lembrándonos que a maxia tamén pode ser unha profesión cando se une talento, formación e paixón.

 

 

“Cremos firmemente que orientar non é dirixir, senón abrir horizontes. E que cando unha persoa descobre aquilo que lle apaixona e para o que ten talento, non só mellora o seu propio futuro, senón tamén o de toda a comunidade”, din dende o Departamento de Orientación do Pablo VI, destacando que por iso esta semana é tamén unha invitación a familias, profesorado e institucións a participar activamente. “A orientación profesional é unha tarefa compartida”, din, desexando que “cada estudante saia desta experiencia cunha idea clara: que o seu talento importa, que a súa vocación pode construírse, e que o seu futuro está cheo de posibilidades”, porque, efectivamente “cada talento conta”.

Back to top button