CarballedaConcellosÚltima hora

Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) celebra esta fin de semana as Festas de N. Sra. da Encarnación

Mocedades actuará mañá a partir das 21 horas e a procesión na honra da Virxe será o luns ás 12:30 horas

Procesión coa Virxe da Encarnación o ano pasado./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Abrindo a tempada estival de festas en Valdeorras, a localidade de Sobradelo vivirá esta fin de semana as festas patronais na honra de Nosa Señora da Encarnación. Promovido coma sempre dende o Concello de Carballeda de Valdeorras o programa deste ano destaca por unha aposta variada, mesturando a nostalxia dos grandes clásicos e a enerxía das orquestras coas actividades para os máis pequenos.

A xornada do sábado día 11 arrincará xa pola mañá coas alboradas do grupo Raiola de Son; e pola tarde será a quenda do prato estrela, o recoñecido grupo Mocedades que presentará en Sobradelo a súa xira Eres Tú, Eurovisión 73. O broche porase cunha gran verbena a cargo do grupo América SL.

 

 

O domingo día 12 comezá coa sesión vermú amenizada pola charanga Achicoria tras o pasarrúas matinal; e en horario de tarde, a Orquestra Marbella será a gran protagonista amenizando tanto no baile vespertino como a verbena. Entre medias, como xa é habitual, haberá unha sesión de fogos artificiais ás 22:30h.

Luns día 13 será o día grande e estará dedicado aos actos máis solemnes coa procesión e misa solemne ás 12:30 horas, precedidas pola música da charanga TDB. Como broche final, a Orquestra Costa Dorada ofrecerá un pase de tarde continuo, poñendo o punto final ás celebracións.

O Concello de Carballeda de Valdeorras non se esquece dos máis pequenos, nenos e mozos que contarán cun espazo de lecer continuo no pavillón de deportes, un Circuíto Wipe Out e Coches de choque de 16 a 20 horas. Ademais, o Tren Turístico percorrerá as rúas da localidade os días 11 e 12, de 16 a 19 horas.

Back to top button