
A compañía Roberto Verino está a traballar na evolución da súa estrutura accionarial, contemplando a posibilidade de abrirse a novos investidores co obxectivo de adaptarse aos retos futuros do mercado e reforzar a súa internacionalización. Este proceso está a iniciarse e estanse estudando as distintas vías e os posibles compañeiros de viaxe, segundo indica esta empresa. “A opción de venda divídese nun 20% de accións en posesión da familia Verino, coa cal hai gran sintonía e acordo neste paso e outro 20% de autocartera”.
A empresa acaba de pechar o exercicio anterior cun crecemento de vendas do 2% respecto ao 2024, superando os 35 millóns de euros de facturación, mellorando o resultado de explotación polo que é unha contorna prometedora para levar a cabo este cambio de estrutura.
O obxectivo deste proceso, engade a compañía, “é o paso de empresa familiar a unha organización que continúa avanzando na súa profesionalización, onde a propiedade, a xestión e a familia afianzasen un proxecto de futuro e xestión sólida”.
En 2019, Roberto Verino iniciou o seu plan estratéxico de expansión, cuxo eixo se centra na internacionalización, a innovación, a dixitalización e a sustentabilidade. Actualmente, a empresa atópase “nun momento óptimo cun gran potencial para crecer en novos mercados e desenvolver licenzas para outros produtos e sectores. Conta con máis de 400 traballadores e está presente en diferentes países como México, Portugal e Australia, onde abriu dúas novas tendas neste último ano. O 2025 comezou tamén a súa expansión a través do Travel Retail coa apertura da súa primeira tenda na T4 de Madrid-Barajas”, explica a compañía.
Roberto Verino é unha marca de moda nada en 1982, sinónimo de calidade e referente do mellor deseño “Made in Spain”, con máis 40 de anos no mercado, o que demostra a súa solidez de marca e posicionamento como referente indiscutible de Marca España.