
A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, Saúde Mental FEAFES Galicia, premiou onte o labor da Unidade de Saúde Mental de Ourense, e moi especialmente da súa traballadora social, Mercedes Pulgar, pola súa implicación a prol do emprego e da integración social das persoas con enfermidade mental.
A distinción entregouse no marco dos IV Premios Empréganos, iniciativa coa que a entidade visibiliza e pon en valor o compromiso de empresas, organismos e profesionais, que favorecen a inserción laboral deste colectivo. O acto que reuniu onte no Teatro Principal de Ourense a pacientes, representantes das asociacións, ademais de representantes institucionais, empresariais e laborais.
FEAFES Galicia defende que o acceso a un posto de traballo é un dos piares da integración das persoas con problemas de saúde mental, e para elo desenvolve itinerarios personalizados de inserción, sensibilización empresarial e acompañamento no mantemento do emprego. A entidade funciona tamén como axencia de colocación, ofrecendo análise de postos, preselección de candidaturas, información sobre axudas á contratación e seguimento no posto de traballo. Na súa campaña Empréganos, a federación lembra ademais que este colectivo presenta a taxa de emprego máis baixa entre as discapacidades, ao redor do 15%, e insiste en combater os prexuízos que aínda persisten no ámbito laboral.
O emprego como ferramenta de recuperación e inclusión
Neste contexto, o recoñecemento da Unidade do Centro de Especialidades da Rúa Concello, e da súa traballadora social, Mercedes Pulgar recoñece unha traxectoria de traballo e no papel que desempeñan os e as profesionais do sistema sanitario, no acompañamento das persoas con enfermidade mental, máis alá da atención clínica, especialmente no impulso de procesos de rehabilitación psicosocial, autonomía persoal e inclusión comunitaria.
O acceso ao emprego constitúe neste ámbito unha ferramenta clave para avanzar na recuperación, reforzar os proxectos de vida e reducir o estigma asociado aos trastornos mentais. Esa mensaxe estivo tamén presente no acto celebrado onte en Ourense, no que as persoas usuarias reivindicaron as súas capacidades e a necesidade de abrir máis oportunidades no mercado laboral.