EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Valdeorras reforza a súa diferenciación no Salón Gourmets 2026 participando nun exitoso túnel do viño

O foro, no se amosaban 25 referencias procedentes de 18 adegas valdeorresas, desenvolveuse entre o luns e o xoves desta semana en Madrid

 

O Salón Gourmets, celebrado do 13 ao 16 de abril no recinto de IFEMA Madrid, contaba coa participación da D.O. Valdeorras nun espazo conxunto que incluía control de acceso para que o público profesional puidese achegarse a un túnel do viño compartido coas restantes denominacións de orixe vinícolas galegas, así como coa Indicación Xeográfica Protexida de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Cada denominación presentaba un total de 25 mostras, nun formato que permitiu poñer en valor a diferenciación e singularidade de cada territorio, atendendo de maneira directa e personalizada aos seus respectivos públicos obxectivo. Neste sentido, o director técnico do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira, asegurou que esta iniciativa atraeu a centos de profesionais.

Perfís cualificados

Segundo sinalou Mazaira, quen representou á D.O. Valdeorras no Salón Gourmets 2026, o túnel do viño rexistrou arredor de 400 accesos, cunha destacada presenza de perfís cualificados como xefes de cociña, sumilleres, responsables de restauración ou alumnado procedente de escolas de hostalería, incluíndo profesionais de diversas partes do país que puideron degustar referencias procedentes de 18 adegas valdeorresas.

“Valoramos moi positivamente a nosa presenza no Salón Gourmets, celebrado na capital de España, epicentro gastronómico e turístico nacional, que favorece a proxección e o contacto con públicos diversos”, sinalou, ao respecto da participación do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras nesta feira, o presidente do organismo, Marcos Prada.

Tanto Prada como Mazaira aludiron ás oportunidades de contacto xeradas para as adegas, así como ao reforzo do posicionamento da marca acadado neste foro. Neste sentido, tal e como destacou Jorge Mazaira, ademais do público profesional, tamén se traballou co consumidor final, ao que se lle trasladou información sobre a identidade da denominación, o potencial dos seus viños e aspectos clave como a singularidade da variedade godello e a histórica ligazón de Valdeorras a esta uva.

Presenza institucional

A presenza institucional tamén foi destacada, coa visita da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, ao espazo compartido polas diferentes denominacións de orixe vinícolas da comunidade autónoma. Ambos os dous puideron coñecer de primeira man o traballo de promoción desenvolvido nesta cita.

 

Back to top button