ConcellosO BarcoÚltima hora

O grupo de goberno socialista do Barco aproba en solitario o orzamento para o 2026, de 11,9M€

A oposición, tanto BNG como PP, cualificaba de continuísta e incompleto este orzamento e queixábase da falta de tempo para poder estudar de maneira adecuada a ampla documentación

 

Unicamente cos votos do partido socialista (un total de 8 ao faltar un dos seus edís) saía adiante o proxecto de orzamento para o 2026, por importe de 11.986.820 €, que o grupo de goberno do Barco levaba este xoves a un pleno extraordinario da Corporación municipal. A voceira do grupo de goberno socialista, Margarida Pizcueta, cualificaba o orzamento de “equilibrado, responsable, orientado á estabilidade e ao mantemento de servizos públicos esenciais do noso concello”. E destacaba que este documento “cumpre formalmente con todos os requisitos legais e presenta equilibrio orzamentario, garante a cobertura dos gastos correntes cos ingresos correntes e mesmo xera un aforro neto positivo”.

Ademais, engadía Pizcueta, “ten unha clara vocación tanto social como de servizo público, xa que máis do 95% do gasto deste orzamento se destina a operacións correntes, é dicir, a garantir o funcionamento diario do concello, dos servizos sociais, da seguridade, cultura, educación, a atención á cidadanía… é dicir, que estamos ante un orzamento que pon ás persoas no centro de todas as súas prioridades”. No apartado de persoal, a voceira socialista destacaba que este capítulo representa un 52% do gasto total e este ano facemos un esforz moi importante para adaptar as retribucións á realidade organizativa do Concello, xa que se implantou hai pouco a RPT, e isto era unha necesidade prioritaria para ordenar, profesionalizar e facer máis eficiente a administración local. Ademais existe e existía crédito suficiente para atender estas necesidades sen comprometer a estabilidade orzamentaria”.

 

 

No relativo aos investimentos, recoñecía Pizcueta que “neste orzamento representan unha porcentaxe moderada, pero, como vimos facendo nos últimos anos, mantemos esa liña de continuidade respecto ao exercicio anterior, garantindo actuacións necesarias pero sen poñer en risco o equilibrio financeiro. Ademais temos un suplemento de crédito extraordinario con moitos investimentos que se impulsarán a través de convenios, subvencións, fondos propios e tamén a través do remanente de tesourería”.

Pizcueta sinalaba ademais “a baixa carga financeira do Concello, porque a débeda que temos agora mesmo é case irrisoaria, o que nos dá moita marxe de maniobra e demostra unha xestión responsable nos últimos anos”. E matizaba que o orzamento do 2026 supón un incremento de 313.453 euros con respecto ao do 2025.

Porén ás súas palabras e argumentos non convencían aos grupos da oposición. Así, o voceiro municipal do BNG, Manuel Agra, comezaba de falta de tempo para poder analizar a ampla documentación dos orzamentos que se lles achegaba para este pleno extraordinario e “pode realizar o noso labor de oposición responsablemente. “Por outro lado, se aproveitamos un pleno que xa de por si é importante e denso para incluír outros cinco puntos na orde do día, tamén con numerosa documentación, e con pouco tempo, o noso labor complícase máis: esperemos que non sexa a propósito. Sobre todo tendo en conta que nos últimos tres plenos non pasaron de dous puntos cada pleno na orde do día”.

 

 

 

E, aludindo aos puntos seguintes da orde do día, Agra indicaba que dende o seu grupo “non sabemos se facer a valoración dos orzamentos tendo en conta só a documentación deste punto número 1 ou ter en contra tamén os outros puntos da orde do día porque dalgunha maneira veñen demostrar que os orzamentos xa se recoñece que son incompletos e que hai que refacelos uns minutos despois de aprobalos”. A partir de aí analizaba dos diferentes apartados do orzamento e as súas partidas correspondentes, compárandoas coas do exercicio anterior, concluíndo un continuísmo neles. Entre eses puntos destacaba o capítulo de “investimentos reais”, que é o que ten que ver con infraestructuras, equipamento, saneamento, parques, edificios, beirarrúas… ese apartado que ten máis visibilidade para a veciñanza. Tan só son 582.200,43€; só 17.821,16€ máis ca o anto anterior”.

Agra apuntaba así mesmo que “nas conclusións da memoria da alcaldía fálase – comos dixemos- de “orzamento equilibrado, prudente e axustado ás necesidades reais doo municipio, garantindo a continuidade dos servizos esenciais”. O problema está en que “necesidades reais do municipio tamén son moitas das propostas que fixemos desde o BNG neste salón de plenos e que se nos dixo que non había orzamento para elas: sexa un festival de arte e música urbana, un eco-carril ata Vilamartín, unha casa da mocidade ou o mantemento do Salgueiral. Estas tamén son necesidades reais do municipio”. O voceiro nacionalista mecionaba ademais os informes desfavorables de Intervención, “sobre todo tendo en conta o tema de gastos de persoal e a nivelación material do orzamento. Sinala Intervención que incumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria”.

E concluía sinalando que “para o BNG son uns orzamentos continuístas e incompletos” que “non contemplan as necesidades reais do municipio. A isto hai que engadir que no punto 5 da orde do día hai unha proposta da alcaldía de “reducir o gasto previsto no orzamento de 2026”, por un importe de 398.839,21€ que pasa a ser déficit orzamentario (crédito non dispoñible) por non facer ben as cousas por dúas veces (incumprir a regra de gasto e tamén o Plan Económico Financeiro)” e anunciaba o voto en contra do seu grupo.

 

 

Pola súa banda, o PP coincidía na falta de tempo para estudar a documentación dos orzamentos, “e se a iso lle engadimos os erros informáticos, iso é a tormenta perfecta”, dicía o seu voceiro municipal, Antonio Melo. “Os orzamentos son continuístas, practicamente un corta e pega, aquí baseámonos en que imos ter un superávit, que iso non debería ser, o Concello tería que investir todo e acabar a cero lexislatura”.

Ademais incidía en que “todos os puntos da orde do día, do 1 ao 5, teñen algún informe desfavorable co cal, nós imos votar en contra no dos orzamento e no resto de puntos ímonos abster, agás no último, que non ten informes desfavorables”.

En resposta aos grupos Pizcueta insistía en que “este é un orzamento lega, está equilibrado e que garante o funcionamento do Concello e isto non o dicimos só nós, tamén o di o propio informe de Intervención e, ademais, recoñece expresamente que cumpre co principio de equilibrio orzamentario. E non se deben converter recomendacións técnicas en problemas estruturais”. Á súa vez, o alcalde engadía que se trata dun orzamento “prudente, realista e social”.

 

 

Finalmente, o punto dos orzamentos saía adiante por 8 votos a favor do PSdeG-PSOE, mentres que o PP e o BNG votaban en contra.

Tamén se sometían á votación do pleno outros puntos, entre eles a “Modificación do Plan Estratéxico de Subvencións 2024-2026”, o “Expediente 1/2026 de modificación do Orzamento do Concello do Barco de Valdeorras mediante Crédito Extraordinario financiado con Remanente de Tesourería para gastos xerais. Modificación do anexo de inversións do Orzamento”, o “Expediente 1/2026 de modificación do Orzamento do Concello do Barco de Valdeorras mediante Suplemento de Crédito financiado con Remanente de Tesourería. Modificación do anexo de inversións do Orzamento”, a “Declaración de crédito non dispoñible por incumprimento do Plan Económico Financeiro 2025 2026″.

Todos eles resultaban aprobados unicamente cos votos a favor do grupo de goberno socialista. A sesión concluía co punto relativo á Proposición da Alcaldía sobre “Modificación núm. 1 da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello do Barco de Valdeorras co obxectivo de reforzar a unidade de Padrón”, tamén aprobado cos votos socialistas e no que o BNG votaba en contra e o PP abstíñase.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button