
O “Faladoiro” deste mes en Quiroga achegaba o mundo das emerxencias sanitarias da man de Xosé Ferrín, técnico de Emerxencias Sanitarias e orixinario de Carballo de Hospital. Leva traballando nas emerxencias sanitarias dende o ano 1998, primeiro cubrindo a comarca de Quiroga e agora cubrindo a de Lemos.
Durante o “Faladoiro”, Xosé Ferrín, explica a importancia do seu labor e tamén consellos que poden salvar vidas. Facía fincapé nos cambios propiciados polas novas tecnoloxías á hora de prestar este servizo tan necesario, que permiten as intervencións cunha maior rapidez, tanto na resposta en canto se chaman aos servizos de emerxencias como á hora de que os técnicos se presenten nos lugares nos que son requiridos.
Para facer a súa intervención máis distendida, tamén contaba algunha anécdota das moitas que ten traballando neste servizo durante case tres décadas.

O “Faladoiro” é unha actividade que promove o Concello de Quiroga dende a Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá. Moderado polo concelleiro Xosé Manuel Fernández lévase a cabo os derradeiros mércores de cada mes, ás seis da tarde, nas instalacións do Centro Social. Trátase dun espazo aberto á veciñanza para a socialización, o coñecemento e a participación cidadá, onde tras unha breve presentación da persoa convidada, os participantes poden intervir con preguntas ou contando as súas propias experiencias.
Fotos: RTM Quiroga.