En portadaÚltima hora

O Barco celebra os Maios, un canto á tradición e a natureza

 

Na mañá deste 1 de maio o son das bombas chamaba á festa no Barco. A praza do Príncipe vestíase de natureza e tradición con motivo dos Maios, unha antiga celebración coa que se lle dá benvida á primavera con fermosas esculturas e vexetais e co canto de coplas.

O programa da celebración comezaba a partir das 11h. coa apertura dunha mostra de produtos locais e artesanía e coa exposición dos Maios participantes nesta edición do concurso, un total de 9 (4 na modalidade de enxebres e 5 na de artísticos). Arredor das doce dábase paso á actuación do grupo Cantigas e Agarimos, con música tradicional e baile.

 

 

Ao mesmo tempo podía botarse no posto do “Voto Aberto” do Barco Centro Comercial Aberto, co que o público pode escoller ao seu Maio favorito.

Outro momento especialmente esperado era o do canto das coplas, coa participación de catro colexios. Pola tarde, o programa continuará coa mostra de artesanía e produtos locais e, ás 18h., cos contos do “Carballo con botas”, do narrador oral Anxo Moure, un canto á ecoloxía e ao ecopacifismo. E, ás 19h. farase a entrega de premios.

Fotos: A.R.

Vídeo: O SIL.

 

Back to top button