Ante un numeroso público comezaba a partir das 13h. o canto das coplas nesta Festa dos Maios do Barco. Os primeiros en actuar, á beira dos Maios expostos, eran os alumnos do CEIP Condesa Fenosa, despois viñan os do CEIP Julio Gurriarán, os do CEIP Otero Pedrayo de Viloira e, finalmente, os do Colexio Divina Pastora.
Nalgúns casos, na súa actuación ían acompañados por instrumentos como pandeiretas, frautas, palitroques, cunchas ou mesmo un acordeón e un órgano.
Nas súas coplas facían un repaso en clave satírica da actualidade local, dende cuestións relativas ao seu centro de ensino ata asuntos da vila ou situacións difíciles como a dos incendios do pasado verán, ata novas deportivas ou de xeopolítica internacional. Pero no non faltaba a tradicional introdución e a despedida, nin, por suposto, referencias á festa dos Maios.
“Aquí vén o Maio/ cargadiño de flores/ a darnos alegría,/ a espantar as dores”, dicía o alumnado do CEIP Julio Gurriarán. “Bos días a todos/ nenos e maiores/ chega o mes de maio/ as flores e cores”, saudaban os estudantes do Colexio Divina Pastora. “O maio que levamos,/ coa cruz tan engalanada,/ lucirá ben fermosiño/ no centro da nosa praza”, engadían os do CEIP Otero Pedrayo de Viloira. E, así dicían adeus os do CEIP Condesa de Fenosa. “Aquí xa nos despedimos/ logo ímonos marchar/ volvemos o ano que vén/ deica logo, ata mañá”.
Fotos: A.R.
Vídeos: O SIL.