CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O programa ‘Vexo Veo Xacobeo 2026’ clausurarase no Barco no mes de xuño

O ano pasado o programa clausurábase no CEIP Manuel Respino da Rúa./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O programa Vexo Veo Xacobeo amplía en maio o seu alcance, achegando a súa proposta de contacontos e xincana a novos centros escolares. A iniciativa, impulsada por Turismo de Galicia, busca difundir a cultura xacobea entre o alumnado de Educación Infantil e Primaria e chegará en 2026 a arredor dun milleiro de estudantes destes ciclos.

Vexo Veo Xacobeo iniciou este ano a súa andadura en abril, con actividades no CEIP Plurilingüe A Igrexa-Calo do municipio de Teo. Durante ese mes visitou, ademais, centros escolares de Portomarín, Cerdedo-Cotobade, Xermade, Redondela e Porto do Son. No mes de maio, a iniciativa expandirase a colexios de Vigo, Valga, Vilaboa, Riós, Rábade, Lugo, Vilalba, Sobrado, Caldas de Reis, Taboadela, Xunqueira de Ambía, A Coruña e Oroso, para pechar o ano en xuño no Barco de Valdeorras.

Este programa creouse en 2021, como un proxecto piloto de Turismo de Galicia enfocado na promoción e difusión da experiencia xacobea entre a poboación máis nova das etapas escolares. A primeira edición abrangueu 10 centros formativos situados nas distintas rutas oficiais do Camiño de Santiago, especificamente no 2º ciclo de Educación Infantil e ao 1º ciclo de Primaria.

Tras do éxito desta proposta, iníciase unha colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que se canaliza a través do Plan Proxecta+, que busca fomentar a innovación educativa e promover o compromiso coa consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030. Poden participar ata 139 centros educativos, un por cada concello polos que transcorren os diferentes Camiños de Santiago. Admítese a inscrición de todo o centro nos casos nos que o Camiño de Santiago sexa o tema do proxecto educativo de centro. Nos outros casos, o límite será dun ciclo completo no caso do alumnado e de un docente por aula con tres máis de apoio. Na súa edición anterior, 30 centros de Galicia participaron no programa, chegando a 1.870 estudantes da comunidade.

Back to top button