EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Entréganse os premios aos ganadores da Cata Popular da 63ª Feira do Viño do Ribeiro

Máis de 200 persoas participaron no concurso celebrado na Madalena no que o público final cata e valora os viños brancos e tintos dos produtores presentes con stand na Alameda de Ribadavia

 

Este mediodía tiña lugar a entrega de premios da Cata Popular desta 63ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, ao que asistían a presidenta do C.R.D.O. Ribeiro, Concha Iglesias Pousa, o alcalde do Concello de Ribadavia, César Fernández Gil (coorganizadores do evento), o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles Remy, e outras autoridades.

Na categoría de Viños Brancos resultaba galardoado co primeiro premio Ramón do Casar Treixadura 2025 de Ramón do Casar, S.L. e o viño Alberte 2025, de Bodegas Nairoa, S.L., quedou en segundo posto. E na categoría de Viños Tintos, a distinción de mellor viño tinto foi para o viño Cunqueiro 2025 de Bodegas Cunqueiro, S.L.

Doutra banda, recoñeceuse como Mellor Catadora de Viños Brancos a M. Victoria Fernández Álvarez, de Vigo, Pontevedra. Por último, na categoría de Mellor Catador de Viños Tintos premiouse a Xosé Manuel Rivas Fernández, visitante veciño de Ourense. Estes galardóns outórganse a aqueles participantes que máis se aproximen aos resultados finais globais dos viños gañadores nas distintas categorías.

Na súa intervención, Concha Iglesias agradeceu a participación de todos os produtores presentes, apoiando ano a ano este evento promocional, así como o labor realizado por parte dos traballadores do C.R.D.O. Ribeiro e do Concello de Ribadavia para levar a cabo esta nova edición. Aproveitou para felicitar a todos os gañadores da Cata Popular e animou aos asistentes para apurar a última xornada para degustar os seus viños, se non os probaron aínda.

 

 

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, súmase ás felicitacións aos gañadores da Cata Popular e tamén aos agradecementos, resaltando o gran traballo dos voluntarios, persoal incansable durante os tres días de feira, así como o saber estar de todos os visitantes que logran, edición tras edición, fixar este evento como unha cita indispensable no calendario vinícola anual de todos os winelovers.

Cata Popular na Igrexa da Madalena (Barrio Xudeu Ribadavia). Venres e sábado

Esta actividade, xestionada polo C.R.D.O. Ribeiro, está dirixida ao público final, que é o que cata e premia os mellores viños da feira segundo o seu propio criterio. A totalidade das 21 marcas presentadas a concurso (14 viños brancos e sete viños tintos) foron valoradas por todos os participantes en cata a cegas, é dicir, sen coñecer a marca do viño que están a probar.

Back to top button