PolíticaÚltima hora

O BNG leva a pleno unha moción para a promoción do Barco como “concello piloto na implantación da IA”

Os concelleiros do BNG no Barco./ Foto: O SIL.

 

O grupo municipal do BNG no Barco levará ao vindeiro pleno ordinario da Corporación local, previsto para o 7 de maio, unha moción para a promoción deste municipio como concello piloto na implantación da Intelixencia Artificial (IA). “A transformación dixital das administracións públicas é xa unha realidade, e a implantación da intelixencia artificial (IA) constitúe un dos principais retos e oportunidades para mellorar a calidade dos servizos públicos, optimizar recursos e garantir unha atención máis áxil e accesible á cidadanía. A Xunta de Galicia vén de desenvolver unha estratexia propia para o impulso da IA na administración pública, incluíndo instrumentos normativos e plans de investimento orientados á súa integración progresiva nos distintos ámbitos da xestión pública. Porén, esta transformación corre o risco de non chegar en igualdade de condicións a todos os territorios, especialmente aos concellos rurais ou de menor tamaño”, asegura a moción do BNG.

Neste senso o grupo nacionalista indica que “concellos como o noso presentan características específicas (dispersión poboacional, envellecemento demográfico e limitación de recursos humanos e técnicos ) que fan necesario apostar por ferramentas innovadoras que permitan garantir unha prestación de servizos públicos eficiente e equitativa”, polo que a IA pode supoñer unha “ferramenta útil” para “mellorar a atención á cidadanía, facilitando o acceso á información e aos trámites administrativos, axilizar a xestión interna do Concello, reducindo cargas burocráticas, reforzar servizos especialmente sensibles como os sociais ou a atención ás persoas maiores e optimizar recursos nun contexto de limitación de persoal”.

Así mesmo, continúa a moción, “a participación en proxectos piloto permitiría ao Concello do Barco situarse como referente na innovación pública no ámbito rural, ao tempo que contribuiría a garantir que o desenvolvemento tecnolóxico non amplíe as desigualdades territoriais existentes. Dende o BNG consideramos que a implantación da IA debe facerse con garantías, asegurando en todo momento a protección dos datos persoais, a transparencia dos procesos e a supervisión humana das decisións automatizadas. Especial importancia ten o tratamento de datos, non podemos impulsar a IA no concello sen control, un arquivo de información do padrón non debería pasar por chatGPT ou Claude para acabar nun servidor dun país estranxeiro”.

Neste senso o grupo municipal do BNG propón nesta moción “impulsar a candidatura do Concello do Barco como experiencia piloto para a implantación de solucións de intelixencia artificial no ámbito municipal a través da FEGAMP, orientadas á mellora dos servizos públicos e á redución das desigualdades territoriais no acceso á administración”. E así, proporalle á Corporación barquense a adopción dos seguintes acordos:

Instar a Xunta de Galicia a desenvolver programas específicos para a implantación da intelixencia artificial nos concellos, con especial atención aos territorios rurais. Propor o Concello do Barco de Valdeorras a través de FEGAMP como sede dun proxecto piloto de implantación de intelixencia artificial na administración local galega. Solicitar á Xunta de Galicia e ás administracións competentes financiamento específico para a implantación de ferramentas de atención cidadá baseadas en IA:
– a automatización de procesos administrativos
– a formación do persoal municipal en IA
Desenvolver no Concello do Barco unha experiencia piloto centrada en:
– a mellora da atención á veciñanza
– a simplificación dos trámites administrativos
Garantir que calquera implantación de sistemas de intelixencia artificial se realice baixo criterios de:
– transparencia,
– protección de datos,
– supervisión humana,
– uso ético da tecnoloxía“.

Back to top button