EconomíaEconomíaÚltima hora

A Feira do Viño do Ribeiro cifra en 19.000 os asistentes deste ano tras incrementar un 40% a venda de copas respecto a edición anterior

Artesanía, accesibilidade e gastronomía reforzan un modelo que segue medrando

 

A 63ª Feira do Viño do Ribeiro pechou este domingo en Ribadavia cun balance moi positivo, marcado por un incremento do 40% na venda de copas respecto á edición anterior, na que se rexistraran arredor de 15.000 asistentes, segundo a organización. Este indicador de consumo permite realizar unha estimación conservadora da afluencia total, situando en torno ás 19.000 persoas o número de visitantes que pasaron pola Feira do Viño e tamén o resto de actividades organizadas paralelamente, como a Feira de Artesanía.

A elevada participación mantívose durante toda a fin de semana, especialmente na xornada inaugural do venres, que rexistrou unha asistencia masiva favorecida pola coincidencia coa xornada festiva e polas boas condicións meteorolóxicas. A pesar da choiva caída durante o sábado, a afluencia mantívose constante, confirmando o forte poder de convocatoria dunha cita xa consolidada no calendario enogastronómico galego.

Ao longo dos tres días, Ribadavia converteuse nun punto de encontro arredor do viño do Ribeiro, coa participación de 29 adegas e colleiteiros e unha programación que combinou degustacións, catas comentadas e obradoiros de cociña con profesionais de prestixio. Entre as propostas máis destacadas estiveron as actividades protagonizadas pola sumiller Marta Cortizas, recoñecida como mellor catadora de España e da Península Ibérica en 2025, que rexistraron unha grande demanda por parte do público, ao igual que o resto de showcookings e catas, con varias sesións completas antes do inicio da feira.

Neste contexto, a organización reforzou o modelo enoturístico da feira, integrando viño, gastronomía, música e patrimonio nunha experiencia global que continúa a gañar atractivo tanto para o público local como visitante.

Un dos elementos máis valorados desta edición foi a incorporación da Feira de Artesanía de Galicia, situada na Praza Maior, que rexistrou unha excelente acollida na súa primeira edición, cun elevado número de visitantes e vendas ao longo da fin de semana, consolidándose como un complemento de valor á proposta principal.

Xunto a isto, a aposta pola accesibilidade marcou tamén un avance significativo, coa incorporación de servizos de interpretación en lingua de signos que permitiron a participación de persoas con discapacidade auditiva. Moitas delas asistiron por primeira vez ao evento, destacando especialmente a boa acollida da ruta do bus turístico adaptada, que completou as súas prazas en pouco tempo.

A xornada de clausura estivo marcada pola entrega de premios da Cata Popular, na que se recoñeceu, na categoría de viños brancos, a Ramón do Casar Treixadura 2025 como primeiro clasificado e a Alberte 2025, de Bodegas Nairoa, como segundo. Na categoría de viños tintos, o galardón ao mellor viño foi para Cunqueiro 2025, de Bodegas Cunqueiro. Ademais, premiouse a precisión dos participantes na degustación, distinguindo a M. Victoria Fernández Álvarez como mellor catadora de brancos e a Xosé Manuel Rivas Fernández como mellor catador de tintos.

 

 

No balance final, o alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou que “esta edición confirma que a Feira do Viño do Ribeiro segue medrando e consolidándose como un evento de referencia, tanto pola súa historia como pola súa capacidade de innovar e atraer novos públicos”, incidindo no papel fundamental do sector vitivinícola e do conxunto de persoas implicadas na organización.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez, subliñou que “a resposta do público foi extraordinaria”, destacando que a feira “atrae arredor do viño a un público que tamén goza doutros atractivos como a Feira de Artesanía, a música ou o propio patrimonio de Ribadavia”. Ademais, incidiu en que “nin a climatoloxía adversa pode frear unha cita xa plenamente consolidada”.

Con este balance, a Feira do Viño do Ribeiro reafirma a súa evolución cara a un modelo cada vez máis completo e atractivo, consolidándose como un motor turístico e económico clave para Ribadavia e para o conxunto da comarca.

 

Back to top button