Os obradoiros de canto organizados por AMAVA están resultado todo un éxito. Comezaban o sábado 25 de abril e o pasado 2 de maio tiñan a segunda edición facéndose xa un oco na axenda de todos os presentes porque non se trata dun taller ao uso onde se imparten xeneralidades sobre a voz, neste María Menéndez “conseguiu xa a meta de calquera docente, crear interese. Interese por aprender, por mellorar, por volver”, aseguran dende a asociación, loando o bo facer da profesora.
Recoñecen que o tempo pasa rapidamente cuns talleres áxiles, ben preparados, coa súa xusta dose de teoría pero sobre todo “centrados en sacar o mellor de cada un, un relator que baixa á casuística privada de cada interprete é algo inusual, novo, que impacta e por iso os presentes non queren deixar perder a oportunidade de seguir”. Ata o punto que decidían facelo periódico e impartirase semanalmente.

Así, os sábados ás 11 horas todos os interesados terán unha cita con María no local de ensaio de AMAVA en Calabagueiros (O Barco), onde poderán coñecer o seu rango de voz, facer exercicios de quecemento, de respiración, “onde aprenderemos a dominar a intensidade da nosa emisión vocal, a relaxar o noso corpo e polo tanto do noso aparello fonador e ao final conseguiremos, despois de tempo e esforzo, o ansiado ‘poder de soster o aire’ ao noso antollo, o poder de dominar o instrumento co que nacemos e que, aínda que moita xente pensa o contrario, debemos aprender a utilizalo e a coidalo para que nos acompañe durante moito tempo en perfecto estado”.
Trátase dunha actividade apto para todos os públicos, porque para cantar non hai idade, de feito “acode xente desde a máis tenra infancia á experiencia que dan as canas”, aseguran, convidando a todo o público interesado a estas xornadas que “poderán dar un cambio na túa vida, nunca se sabe se no futuro poderemos presumir de grandes intérpretes internacionais que saíron do local de AMAVA pero mentres tanto seremos felices porque, como dí o refrán, O que canta… a pena espanta“, conclúen.
Fotos cedidas.