CulturaCulturaÚltima hora

Quiroga celebra o “Mes das Nosas Letras” con multitude de propostas para todas as idades

O Concello de Quiroga ten organizadas diversas actividades con motivo da celebración das Letras Galegas. Baixo o título do “Mes das nosas Letras” englóbanse teatro, concertos musicais, presentación de obras literarias e o certame de narración e debuxo Letras Galegas 2026.

Tras o certame de narración e debuxo que está en marcha ata o día 11 de maio, data na que remata o prazo para a presentación de traballos; a seguinte actividade será o domingo día 10 de maio. O Auditorio Municipal acollerá este domingo, a partir das oito do serán, a representación da obra “O Transgredir das ondas”, con texto de Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 e interpretada por Rocío González, da compañía Berrobambán, baixo a dirección de Chiqui Pereira.

Unha peza unipersoal que reivindica a condición de xornalista radiofónica de Begoña Caamaño abordando temas fundamentais na súa obra como a igualdade entre homes e mulleres, a solidariedade e implicación cos problemas dos sectores sociais máis desfavorecidos e a importancia da liberdade de expresión no xornalismo. Rocío González dá vida a unha xornalista que recibe en herdanza un caderno dunha amiga íntima de Begoña Caamaño e que decide realizar a gravación dun pódcast en directo para expoñer algunhas das facetas menos coñecidas da escritora. A partir da relación entre as anotacións no diario e os diferentes momentos da vida profesional de Caamaño, vaise reconstruíndo ante o público a traxectoria dunha creadora excepcional, implicada co feminismo e cos diversos movementos sociais en que participou. Con todo, durante a gravación deste pódcast aparecerán diversos problemas técnicos que transformarán as ideas iniciais da xornalista e influirán de forma decisiva no seu relato, coma se o propio espírito de Begoña quixese puntualizar algunhas das pasaxes narradas e, do mesmo xeito que as protagonistas das súas novelas, ser dona da súa propia historia.

O sábado 16 de maio, ás 20:00h, na Casa da Cultura, está programado un concerto de música vocal coas actuacións do Grupo Vocal Entrelas, a Coral Cantar Delas e a Coral Polifónica de Quiroga. O Grupo Vocal Entrelas está formado exclusivamente por voces femininas. A maior parte das súas interpretacións realízanse a capela, e o seu repertorio abrangue unha ampla variedade de xéneros musicais, como son cubano, jazz, pop, habaneras ou música tradicional. Nas súas actuacións destacan a alegría sobre o escenario, o coidado pola posta en escena e a proximidade co público, elementos que definen a súa identidade artística.

O Coral Cantar Delas é o único coro de voces brancas da provincia de Lugo. Dentro da súa traxectoria destaca o proxecto centrado na música medieval, baseado nas Cantigas de Martín Códax e nas Cantigas de Afonso X o Sabio, en colaboración co grupo instrumental Tundal (2012); e o ciclo Creadoras de música, dedicado á creación musical feminina, co obxectivo de visibilizar compositoras que foron esquecidas ou silenciadas ao longo da historia (2023 – 2024).

A Coral Polifónica de Quiroga, fundada en 1991, conta actualmente con 30 membros dirixidos por Fernando Sanmartino Pérez. A súa primeira actuación tivo lugar en xuño de 1992 e, desde entón, mantén unha actividade constante, reflectida nas numerosas actuacións realizadas ao longo dos anos. Participou no I Certame de Corais Galegas e en distintos programas da TVG e TVE en Galicia. Ademais, interpretou a Misa do Peregrino na Catedral de Santiago enn 1997 e gravou o seu primeiro CD baixo a dirección de Alfonso Campos.
O venres, 22 de maio, na Casa da Cultura, preséntase o libro “A aira dos ventos” do escritor Jesús Alfonso Parada Jato. Nesta obra o autor courelao conta a dura vida no rural, onde un neno sempre está suxeito a un férreo control e onde tamén debe colaborar nas tarefas cotiás prescindindo dos xogos ou doutras actividades lúdicas. Cando xa é un adulto e os seus proxenitores morren debe enfrontar outros inimigos máis silandeiros e menos visibles e por suposto; inesperados.

O domingo 24 de maio, ás 20:00 h., o Auditorio Municipal acolle un concerto de música tradicional co grupo de folk Lenda Ártabra. Grupo galego formado en Ferrol en 2013, que fusiona música tradicional con composicións propias, poemas musicados e ritmos como xotas, muiñeiras e maneos No seu repertorio mestura temas propios con adaptacións de poetas galegos (Rosalía de Castro, Xurxo Gago) e temas tradicionais.

Como remate do “Mes das nosas letras”, o sábado, 30 de maio, ás 19:00h., a Casa da Cultura acolle a presentación da revista “Lobos te coman”. A escritora local , Celia Díaz, presenta unha revista de pasatempos, con fotografías de Ramón Vila, para percorrer o Concello de Quiroga.

A programación do “Mes das nosas letras” está organizada dende as áreas de Dinamización Lingüística e de Cultura do Concello de Quiroga, contando coa colaboración da Vicepresidencia Primeira, Área de Cultura da Deputación Provincial e do programa FalaRedes da Secretaría Xeral da Lingua.

 

Back to top button