ConcellosO BoloÚltima hora

Unha aposta pola participación activa e polo intercambio xeracional a través da arte, no Bolo

Esta vila acollía o 8 de maio o evento “Laboratorio Mutante: Paisaxes Candentes”

 

O polideportivo do Bolo acollía o 8 de maio o evento “Laboratorio Mutante: Paisaxes Candentes”, unha proposta que puxo no centro a participación activa e o intercambio entre persoas e xeracións.  O encontro concibiuse como un espazo aberto de diálogo arredor do territorio e da memoria, no que a creación artística serviu de punto de unión entre experiencias diversas. A través da combinación de audiovisual e danza contemporánea, o proxecto apostou por construír colectivamente novos relatos, poñendo en valor as voces das comunidades participantes e favorecendo o intercambio interxeracional.

A xornada incluíu a proxección do documental Cartografía do río que xa non é, unha peza promovida por Outonía S.Coop.Gal que recolle a memoria vinculada ao encoro do Bao mediante un proceso colaborativo con persoas e comunidades afectadas. A mediación artística e cultural converteuse así nunha ferramenta clave para compartir lembranzas, tecer vínculos e contribuír á reparación simbólica do territorio.

Ademais, presentouse a mostra de danza contemporánea Corpos de Auga, da compañía Disiden.CIA (Martina Los Arcos e Marcia Vázquez). Esta proposta nace dun traballo previo de escoita, convivencia e creación compartida coa Residencia de Maiores do Bolo e a Casa do Maior, reforzando o valor da participación directa no proceso artístico.

O evento, que contou cun pase de mañá e outro de tarde, reuniu a máis de 90 persoas no polideportivo da vila, tras un cambio de localización de última hora debido á meteoroloxía. Longe de ser un obstáculo, este imprevisto contribuíu a potenciar o carácter colectivo da xornada.

A sesión matinal converteuse nun verdadeiro encontro interxeracional, reunindo á Residencia de Maiores de O Bolo – Fundación San Rosendo, á Casa do Maior e ao CEIP da localidade. Pola tarde, o espazo ampliouse coa participación de veciñanza doutras localidades próximas, consolidando o evento como un punto de encontro interterritorial onde compartir experiencias, escoitar e crear en común.

A actividade forma parte do proxecto homónimo impulsado por Outonía S.Coop.Gal, coa financiación da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e do Ministerio de Cultura, e coa colaboración do Concello de O Bolo.

Fotos cedidas.

Back to top button