CulturaCulturaÚltima hora

O alumnado do CEIP Bermúdez Couso de Trives descubre como se fan os instrumentos de percusión tradicional

 

A Fundación Artesanía de Galicia continúa coas demostracións de oficios tradicionais enmarcadas no seu proxecto de divulgación “Artesanía na Escola”. O construtor de instrumentos tradicionais de percusión Xosé Manuel Sanín achegouse esta mañá ata o CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso da Pobra de Trives para explicarlle aos nenos e nenas o oficio da construción de instrumentos de percusión tradicional, como continuación da unidade didáctica que protagoniza, Eu son artesán de percusión tradicional.

Durante a súa demostración, Sanín -titular do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela)- faloulles do proceso e dos materiais de construción dun dos nosos instrumentos máis representativos, a pandeireta, da súa historia e do seu papel na nosa cultura e no noso patrimonio inmaterial.

“Artesanía na escola” é un programa de divulgación impulsado pola Xunta desde o ano 2023 dirixido a achegarlle os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. Os obxectivos deste programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico; poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e por último, a longo prazo, atallar a remuda xeracional nos oficios artesanais.

 

Back to top button