ConcellosO BarcoÚltima hora

O Barco e Monforte preparan, a través do Eixo, unha candidatura europea que une enoturismo, prevención de lumes e fixación de habitantes

Cedida.

 

O alcalde do Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso, mantiña na mañá deste martes día 12 de maio unha xuntanza nas oficinas do Eixo Atlántico en Vigo, co secretario xeral do Eixo Atlántico deste organismo, Xoán V. Mao; que estaba acompañado do alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé; a profesora da Universidade de Vigo, Montserrat Cruz; e a profesora do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Carmen Pardo, co obxectivo de avanzar na preparación dunha candidatura conxunta a un Programa Europeo de Accións Innovadoras.

A iniciativa busca articular unha estratexia integrada que combine tres eixes clave para o desenvolvemento territorial: o impulso do enoturismo, a loita contra os incendios forestais e a fixación de poboación en zonas do interior.

Nesta proposta, a Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo desempeñan un papel técnico fundamental. Ambas institucións xa traballaron previamente co Eixo Atlántico en proxectos vinculados á prevención de incendios, ao desenvolvemento do turismo policéntrico e á valorización do turismo de autor nos municipios de Galicia e do Norte de Portugal, segundo informa o Concello do Barco.

Recuperación do patrimonio industrial

 Un dos elementos centrais do proxecto é a recuperación de edificios industriais actualmente en desuso, para reconvertilos nun espazo multifuncional orientado á innovación, á formación e á dinamización socioeconómica. Este espazo serviría como punto de encontro para iniciativas vinculadas ao enoturismo sostible, á xestión forestal preventiva fronte a incendios e ao desenvolvemento de estratexias de fixación de poboación en zonas do interior.

O Eixo Atlántico eríxese así, como o coordinador desta candidatura europea que aspira a conseguir unha contía de 2 millóns de euros, cantidade que axudaría a financiar os proxectos propostos por todos os axentes reunidos hoxe en Vigo.

Programa Europeo de Accións Innovadoras

O Programa Europeo de Accións Innovadoras financia proxectos piloto de vangarda en cidades da UE para abordar desafíos urbanos complexos, con 60 millóns de euros de orzamento total para a 4ª convocatoria, a de 2026.

O seu obxectivo é probar solucións novedosas a pequena escala en entornos reais para resolver problemas urbanos urxentes (sustentabilidade, transformación dixital, inclusión). Esta convocatoria actual céntrase no apoio á innovación local, cun énfase especial nas cidades pequenas e medianas.

 

 

 

Back to top button