
Os días 16 e 17 de maio serán as Festas do Cristo da Ascensión de Prada (A Veiga), unha das celebracións máis tradicionais do municipio, cun programa que combinará patrimonio, gastronomía, música e actividades de natureza nas montañas de Trevinca. Os actos comezarán o sábado 16 de maio cun pasarrúas amenizado por gaiteiros e a posterior misa solemne no pobo de Prada. Pola tarde actuará o dúo Gozadera.
Durante a xornada do sábado tamén están previstas dúas rutas guiadas para descubrir a floración do breixo nas montañas de Trevinca, organizadas por O Trisquel e Terras Altas de Trevinca. As actividades permitirán gozar dun dos momentos máis destacados da primavera na contorna natural de Trevinca.
A programación do sábado completarase no Centro Astronómico de Trevinca coa celebración do II Obradoiro sobre a eclipse solar de 2026. A continuación terá lugar a habitual visita guiada con observación astronómica mediante telescopio, unha das actividades divulgativas que se desenvolven regularmente nas instalacións astronómicas da Veiga.
O domingo 17 celebrarase a tradicional romaría no Santuario do Cristo da Ascensión de Prada, cunha misa solemne ás 12.30 horas. A celebración da Ascensión en Prada remóntase ao ano 1801, data da primeira celebración documentada. Non obstante, existen referencias anteriores que apuntan á existencia dunha festividade previa xa en 1609, segundo recolle a inscrición “Ascensio 1609 Domini” conservada no lugar e vinculada a unha construción anterior ao actual santuario.
Durante a xornada haberá mercado de produtos artesáns e a Charanga Barullo acompañará os asistentes nos actos relixiosos e na posterior pancetada popular e degustación de viños da D.O. Valdeorras organizada polo Concello da Veiga. Pola tarde, ás 16.15 horas, terá lugar unha degustación de queixos de montaña amenizada polo grupo Os Ministreles.
Para máis información, as persoas interesadas poden contactar coa Oficina de Turismo da Veiga a través do correo turismo@aveiga.gal.
