En portadaÚltima horaVídeos

O Boteiro e o “Entrudio” vianés viaxan nas maletas do alumnado do CEIP Bibei ata Villardeciervos (Zamora)

 

O alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP Bibei de Viana do Bolo comezaba o luns 18 de maio unha experiencia moi especial. Despois de semanas de preparación e moitos nervios, os escolares collían as súas mochilas para marchar de viaxe. Participaban no programa de Educación Ambiental, concedido polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. E esa axuda permitíalles gozar dunha estancia inmellorable de 5 días no CEAM (Centro de Educación Ambiental) de Villardeciervos, na provincia de Zamora.

“Agárdanos unha semana intensa, chea de talleres, itinerarios pola natureza e actividades enfocadas a descubrir o valor dos nosos ecosistemas. Será o escenario perfecto para aprender a coidar o planeta directamente desde o terreo, promovendo valores coma a sustentabilidade e o respecto polo medio ambiente”, comentan dende o centro. E compartirán esta experiencia co CEIP Montejícar de Granada.

 

 

 

Esta viaxe tiña na noitiña do luns un apartado moi importante para eles. O grupo vianés facía unha presentación sobre o concello e os seus costumes, tradicións e festas, facendo fincapé no seu Entrudio e na figura do Boteiro, a súa máscara de referencia. Así, ademais de explicar e amosar o que é o fulión, ao que lle abren paso os Boteiros, os alumnos vianeses expoñían como é esta máscara, da que levaban un traxe, incluíndo a súa careta e tamén a monca. Así mesmo, facían unha demostración do toque do fulión, levando un dos seus bombos e tamén varias aixadas.

 

 

“Ao longo de todos estes días, o alumnado de Viana e de Granada convivirán baixo o mesmo teito, formarán equipos de traballo mixtos e compartirán xogos e confidencias. Trátase dunha oportunidade única non só para facer novos amigos e amigas, senón tamén para intercambiar vivencias, abrir as mentes e descubrir as realidades e costumes doutros lugares da nosa xeografía”, indican dende o CEIP Bibei.

Fotos e vídeo: CEIP Bibei de Viana do Bolo.

 

Back to top button