
O Grupo Provincial do PP levará ao pleno da Deputación de Ourense do mes de maio unha moción para instar ao central que flexibilice os criterios para a regularización extraordinaria de persoas migrantes. Así o trasladou hoxe a portavoz do Grupo Provincial do PP, Patricia Torres, acompañada polo presidente da Asociación Alma Llanera, Lorenzo González.
Patricia Torres denunciou o “colapso burocrático e a falta de oficinas de atención para os migrantes no rural ourensán”, polo que os populares piden “máis recursos e a ampliación de prazos no proceso de regularización extraordinaria para que as persoas do rural non teñan maiores dificultades para acceder a este proceso que as que viven en cidades onde hai máis oficinas administrativas, ONG especializadas e máis capacidade técnica municipal”.
A regularización extraordinaria é unha “oportunidade histórica, pero non podemos permitir que o rural ourensán quede á marxe por culpa de poñer en marcha unha iniciativa sen organización, sen dar información suficiente aos que xestionan esta tramitación e con moi pouco prazo, xa que saíu en abril e acaba o prazo o 30 de xuño”, dixo a voceira popular.
Por elo, Patricia Torres demanda que o Estado amplíe o prazo para que a xente poida realizar a tramitación con marxe de tempo e con normalidade, así como flexibilizar os requisitos. Unha reivindicación que resulta imprescindible nunha provincia como a nosa onde “tamén os necesitamos, polo que debemos os ofrecerlles as mellores condicións posibles”, engadiu a voceira popular.
Polo tanto, o Grupo Provincial do PP demanda ao Goberno de España a “baixar ao territorio, ampliar os prazos, poñer máis persoal e facilitar que calquera persoa, viva nunha gran cidade ou nun pequeno municipio, poida tramitar os seus papeis en condicións de igualdade”, explicou Patricia Torres.
Pola súa parte, Lorenzo González destacou o traballo realizado pola Deputación de Ourense nesta materia agradecendo que sexa “a única que atendeu a nosa chamada” e está a realizar un “traballo excepcional, coordinando nunha plataforma única para facilitar todo este proceso de regularización tanto aos interesados como as propias entidades do terceiro sector que “traballamos día a día con este colectivo na rúa”. E animou a que todas as forzas políticas con representación nesta institución apoien esta iniciativa porque “por riba das cores están as persoas”.
Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo que o Goberno de España adapte estes criterios á realidade social da provincia de Ourense e garantir a inclusión do maior número posible de persoas. Un dos principais obstáculos detectados nas primeiras semanas do proceso de regularización extraordinaria está a ser o sistema de cita previa presencial, especialmente nas oficinas habilitadas de Correos e da Seguridade Social.
Unha demanda que se fai máis ca necesaria nunha provincia como a nosa onde hai unha forte dispersión poboacional, envellecemento demográfico, municipios rurais pequenos cunha limitada capacidade administrativa, xa que provoca que os migrantes que viven no rural dependan case exclusivamente dos servizos da cidade, entidades sociais, ou redes informais de axuda.