
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, inauguraba esta mañá a I Xornada de Clubs de Ciencia. Máis de 200 docentes (entre os que había profesores de centros do oriente ourensán como é o caso do IES Carlos Casares de Viana do Bolo e do CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín) que coordinan a iniciativa nos seus respectivos centros participan neste encontro, no que intercambian experiencias e afondan no fenómeno científico do ano, a eclipse solar do vindeiro mes de agosto. P
ara iso, cóntase co relatorio inaugural do astrofísico Borja Tosar sobre este evento astronómico, así como cunha charla do director do Centro de Innovación Educativa e Dixital, Jorge Regueiro, sobre os materiais didácticos elaborados e difundidos pola Xunta para a ocasión.
A representante do departamento educativo do Goberno galego agradeceu a implicación dos centros participantes neste programa, un total de 255 este curso, para promover a cultura científica e as vocacións STEM entre o alumnado. Neste sentido, destacou a utilidade deste tipo de actividades para estimular a investigación e a experimentación entre os máis novos. Non en balde, a xornada de hoxe inclúe non só conferencias e obradoiros de boas prácticas, senón tamén unha actividade de laboratorios vivos na que se amosan prácticas e experimentos cunha aplicación potencial nos centros educativos.
