A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da Veiga, Juan Anta, avaliaban neste 20 de maio varios proxectos de mellora do servizo de abastecemento no municipio de cara a establecer posibles vías de colaboración para a súa execución.
Durante unha reunión mantida en Santiago de Compostela, o rexedor e a conselleira analizaron os proxectos municipais para a adecuación da estación de tratamento de auga potable (ETAP) da localidade, así como para acometer melloras no depósito do municipio. A maiores, tamén estudaron as opcións para mellorar as instalacións de servizos municipais nos núcleos de Baños, Castromarigo e San Lorenzo.
Nese senso, Ángeles Vázquez indicou que o persoal de Augas de Galicia avaliará as propostas do goberno local para determinar a súa viabilidade e establecer posibles vías de colaboración tanto técnica como financeira.
De feito, a conselleira puxo en valor o apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar uns servizos de calidade á veciñanza.
Este apoio ás administracións locais reflíctese tamén nos orzamentos deste ano, cun orzamento global de Augas de Galicia de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025) dos que 7 de cada 10 euros se destinarán a abastecemento e saneamento —108,7 millóns de euros— e case a metade —73,6 millóns de euros—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.
Nese senso, a conselleira tamén lle lembrou ao alcalde que Augas de Galicia ten programadas para este ano cinco liñas de apoios dirixidas aos municipios e entidades locais menores -con menos de 50.000 habitantes- cun orzamento global que rolda os 7 millóns de euros. As accións subvencionables son obras para minimizar as fugas no abastecemento e reducir as infiltracións nas redes de saneamento, así como os proxectos para renovar e/ou instalar sistemas de depuración autónomos en núcleos rurais illados ou a realización de auditorías nos sistemas de abastecemento e saneamento de titularidade municipal.
A maiores, durante o encontro a conselleira e o alcalde abordaron diferentes iniciativas destinadas á posta en valor e promoción do patrimonio natural do concello, que forma parte da Rede Natura 2000. En concreto, o rexedor informou a Ángeles Vázquez de que se está estudando a posibilidade de colaborar co municipio limítrofe de Porto (Zamora) para traballar de xeito conxunto na elaboración de plans que garantan a conservación e desfrute público do Macizo de Pena Trevinca, que é unha das áreas subalpinas más importantes da Península Ibérica.