O Barco de Valdeorras celebra neste venres 22 de maio o día grande das Festas de Santa Rita, con cultos e moita música.



Así, tras as misas celebradas cada hora dende as oito da mañá, minutos antes das 12 horas numerosas persoas concentrábanse na praza do Príncipe do Barco con ramos de rosas á espera da saída da imaxe da Santa que este ano estrea estandarte encargado pola Confraría.



Acompañada pola música da charanga Los Bercianos, e rodeada de multitude de fermosas rosas vermellas como símbolo das que florecían no seu horto durante o inverno, Santa Rita saía do templo que leva o seu nome acompañada de moitas persoas dando inicio a unha multitudinaria procesión que se dirixía cara a praza do Concello, saía despois por Marcelino Suárez, continuaba por Eulogio Fernández ata chegar a rúa Santa Rita, para iniciar o percorrido de volta ata a igrexa, onde se oficiaba unha concorrida misa concelebrada, na que participaba varios sacerdotes da Unidade Pastoral, entre eles o arcipreste de Galicia na Diócese de Astorga, Juan José Prieto.



Antes da misa, o párroco do Barco, Jesús Álvarez, bendicía as rosas das persoas presentes. E coma sempre, durante o percorrido da procesión á que asistían boa parte da corporación municipal, o tráfico estivo regulado pola Policía Local do Barco.





Pola tarde a festa continúa coa actuación da orquestra Marbella, en sesión de tarde (20:30h.) e verbena.










Fotos: Carlos G. Hervella.