
A vila do Barco será escenario o vindeiro mércores día 27 de maio do Acto Conmemorativo do 182 Aniversario da Fundación do Corpo da Garda Civil. “Para o desenvolvemento do acto, varias rúas serán pechadas ao tráfico desde primeira hora, por causa do desfile, que terá lugar na Avenida Marcelino Suárez, e do acto oficial que terá lugar na Praza do Concello ás 12:00 horas”, tal e como vén de comunicar o Concello do Barco.
Ademais, está previsto un ensaio xeral mañá día 26 de maio a partir das 9:00 horas, cos mesmos cortes de tráfico e desfile. E outro ensaio a mesma mañá do 27 de maio, a partir das 8:00 horas.
O programa deste acto conmemorativo do vindeiro mércores, que comezará ás 12h. coa “Formación Fuerza”, incluirá, entre outros momentos, a lectura do decreto fundacional, a imposición de condecoracións, un recoñecemento a un garda veterano, as intervencións do comandante xefe accidental, do subdelegado do Goberno en Ourense e do alcalde do Barco, así como a homenaxe aos caídos, o himno do Corpo e, finalmente, retirada e desfile.