Espertar a curiosidade e o interese pola ciencia entre a mocidade era, un ano máis, o principal obxectivo da Feira das Ciencias do IES Carlos Casares de Viana do Bolo. Este encontro, que amosaba 70 experimentos e que reunía a 150 alumnos da comarca, desenvolvíase con éxito ao longo da mañá deste 28 de maio en diferentes zonas do instituto vianés.
“É unha das feiras de ciencia máis antigas de Galicia. Dentrás dela hai moito traballo e ten moita importancia, é un labor que se leva facendo moitos anos e que cobre un territorio moi extenso. Xa hai tempo que participan todos os centros da comarca, o CEIP Ávila Bustillo da Veiga, o CEIP Augusto Assia da Mezquita, o CPI Laureano Prieto da Gudiña, o CEIP Bibei de Viana do Bolo e, por suposto, o IES Carlos Casares”, explican dende o Club de Ciencia Miguel Arranz do instituto vianés, organizador do evento.
Así, a Feira das Ciencias supón a culminación de todo un curso de traballo e, neste caso, estaba promovida por 7 profesores. A organización valora de maneira moi positiva a participación e resposta lograda nesta edición e asegura que se cumpriron os obxectivos da feira e que, tanto alumnado como profesorado, saían satisfeitos.

A dinámica da actividade resultaba similar á de cursos anteriores. Comezaba a partir das 10h. Os alumnos agrupábanse e e desenvolvían os seus diversos experimentos en diferentes partes do instituto, en función das características dos mesmos. “Facían unha exposición pública do traballo que foron realizando durante o curso, algo que nos parece tamén moi importante. E ademais do traballo do alumnado tamén está a do profesorado que participou”, din dende a organización. E así a deste xoves convertíase unha xornada científica, lúdica, festiva e de convivencia.
Ao mesmo tempo, tamén se lles presentaba o instituto ao alumnado de primaria, especialmente aos de sexto que se incorporarán o vindeiro curso ao instituto, de forma que coñezan as instalacións, se familiaricen co centro e tamén cos seus futuros compañeiros.

Outro dos obxectivos é achegar a ciencia a mozos e mozas e, ao mesmo tempo, “dende hai un par de cursos animamos ás familias a vir a esta feira, para que coñezan o noso centro e tamén o labor que desenvolve o alumnado. E este ano viñeron bastante familias de Viana do Bolo, pero tamén dos concellos da Mezquita, da Veiga, da Gudiña tanto familias de nenos que están no centro de primaria como no IES”, din os promotores da feira.
Fotos cedidas.
