
O Consello Regulador do D.O. Ribeiro, continuando coa aposta pola promoción e o desenvolvemento de negocio das súas adegas e viños, organizou esta semana a visita dunha delegación internacional de importadores e compradores de Alemaña e Reino Unido. Participaron nela un total de nove profesionais, representantes das empresas alemás Copito, Deuna, O Viño Weinshop, Fröhlig Wein & Getränke Therme e MDC Weinimport e as compañías inglesas Martínez Wines, Ultracomida, Robin’s nest wines e The Bishops Cave.
O intenso programa organizado incluíu a visita a sete empresas, con cata dos seus viños máis representativos nas súas instalacións, tras visitar os seus viñedos da man dos seus propietarios, enólogos/enólogoes ou equipo comercial e coñecer máis de cercado as variedades de uva autóctonas.
A Vilerma, Casal de Armán, Pazo de Toubes (Viña Costeira), Pedro Villamarín, Ramón do Casar, Sanclodio e Viña Mein-Emilio Rojo foron as empresas visitadas, tendo así os participantes a oportunidade de coñecer diferentes tipos de adegas e proxectos.

“Os compradores coñeceron de primeira man varios produtores e durante toda a misión inversa probaron en total máis de 50 viños, entre brancos, tintos e espumoso, dos distintos vales do D.O. Ribeiro, probando a Treixadura en viños monovarietales, combinada con outras variedades autóctonas, así como outras elaboracións máis distintas como un espumoso de Treixadura, un tinto de Caíño Longo ou brancos monovarietales de Albilla do Avia ou Loureira”, comenta Concha Iglesias, presidenta do C.R.D.O. Ribeiro.
Así mesmo, tamén participaron nunha sesión de speedtastings (catas rápidas) onde outras seis adegas fixeron a súa presentación con cata de viños nun curto espazo de tempo (30 minutos), para que os visitantes puidesen levarse unha maior idea dos produtos vinícolas da comarca. As Pegas, Dominio do Bibei, Manuel Formigo, Pablo Vidal Vinos con Personalidad, Villanueva e Viños de Encostas fixeron a presentación dos seus proxectos e viños, para acabar cunha cea harmonizada con produtos gastronómicos galegos de calidade. “Temos a certeza de que, con este tipo de acción, que organizamos grazas ao apoio da Deputación de Ourense, os profesionais mergúllanse de cheo na nosa Denominación de Orixe, así como na provincia, formándose unha completa imaxe de todo o que conforma o D.O. Ribeiro, para así poder incrementar e fidelizar a cota de mercado dos nosos viños nos seus países, de gran relevancia para o noso territorio” engade Iglesias.