
A Gran Orde de Cabaleiros do Viño (GOCV), fundada en 1984 por ICEX, xurdiu como instrumento de impulso e desenvolvemento dos viños españois. Desde entón acredita cada ano a aquelas persoas que se distinguiron de forma excepcional na promoción de viños españois de calidade no Reino Unido. Na actualidade existen 71 Cabaleiros da Orde que representan o máis selecto do sector vinícola exportador e importadores británicos. Tamén se suman ao colectivo, ilustres influentes Masters of Wine, prescritores e da restauración española no Reino Unido.

Entre os novos membros designados neste 2026 figura o adegueiro e viticultor da Denominación de Orixe Valdeorras Rafael Palacios, que recollía a distinción nunha cea celebrada o 4 de xuño en Londres coa asistencia dunhas 250 persoas vinculadas cos viños españois. Cada ano son investidos tres novos membros e a cerimonia de investidura ten lugar durante a cea de gala que se desenvolve en Londres.

Despois deste acto, o propio adegueiro rioxano expresaba o seu agradecemento nas redes sociais, nas que publicaba varias imaxes do evento. “Recibo este recoñecemento con moita ilusión. Sempre entendín o viño como unha paixón e unha forma de vida. Por iso, aínda que nunca traballei buscando premios ou recoñecementos, recibir unha distinción como esta faime especialmente feliz”, dicía.

Así mesmo facía extensible o recoñecemento “a todo o equipo de adega e á miña familia que me acompaña día a día. Quero dar as grazas á Gran Orde do Viño @winecaballeros, fundada en xaneiro de 1984 e creada para recoñecer o esforzo excepcional na promoción e posta en valor dos viños de calidade de España no Reino Unido, por esta gran honra. Seguiremos traballando coa mesma ilusión, respecto e paixón polo viño que me acompañaron desde o primeiro día”.
No complicado mercado británico, a Gran Orde dos Cabaleiros do Viño converteuse nun elemento clave na promoción dos viños de España e a Cea de Investidura está considerada como o mellor acto de relacións públicas e networking do calendario do viño español no Reino Unido.
Fotos e vídeo cedidos.

