
O Hospital Universitario de Ourense acolleu unha sesión informativa dirixida aos profesionais para dar a coñecer o novo Protocolo de actuación fronte ao acoso sexual, ao acoso por razón de sexo, orientación sexual, identidade sexual, expresión de xénero e características sexuais, así como á discriminación das persoas LGTBI, aprobado polo Servizo Galego de Saúde.
A xornada contou coa participación de María Dolores Lago Taboada, xefa do Servizo Central de Prevención de Riscos Laborais; María del Mar Casal Mayo, da Sección de Igualdade do Servizo Central de Prevención de Riscos Laborais do Sergas e Sonia Martínez Rodil, psicóloga da Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental, membros da Comisión Xestora do Protocolo, acompañadas por María José Martínez Gil, técnica de Prevención de Riscos Laborais da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras e enlace local da comisión.
O obxectivo da sesión foi difundir este documento, no que se establece expresamente unha política de tolerancia cero fronte ás condutas, ten por obxectivo principal reforzar o mantemento dunha contorna laboral segura, respectuosa e libre de calquera forma de violencia, discriminación ou acoso, para todos os traballadores do Servizo Galego de Saúde, e tamén protexer ao persoal das súas entidades adscritas, así como ás persoas en formación, alumnado en prácticas, voluntariado e persoal de empresas externas contratadas, que desenvolvan a súa actividade nos centros sanitarios.
O acoso, a discriminación e as violencias sexuais no traballo constitúen expresións de violencia que atentan contra diversos dereitos fundamentais e teñen un efecto devastador sobre a integridade física, psíquica e moral das persoas. Asemade, contaminan o clima laboral da organización na que se producen e teñen importantes efectos sobre a mesma. Ademais, o acoso sexual e a discriminación machista e LGTBI son unha das manifestacións máis patentes da desigualdade estrutural, que existe aínda na nosa sociedade, sendo contrarios ao principio de igualdade de trato e de non discriminación.
Garantías para as vítimas e testemuñas
Un dos aspectos centrais abordados durante a xornada foi a accesibilidade ás diferentes vías de comunicación e denuncia, que poden ser comunicadas. tanto pola propia persoa afectada, como por calquera profesional que teña coñecemento dos feitos, incluídas persoas testemuñas, representantes sindicais ou delegados de prevención. Asemade, o procedemento tamén pode iniciarse de oficio, polas direccións da Área Sanitarias cando existan indicios suficientes.
Ademais dos dous formularios de activación do protocolo que figuran anexos ao protocolo -en primeira persoa ou para testemuñas- as comunicacións poden realizarse a través da canle corporativa creada polo Sergas, garantindo en todo momento a confidencialidade da información e das persoas implicadas. Asemade, este procedemento interno non impide nin exclúe o dereito da vítima para denunciar, en calquera momento, ante a Inspección de Traballo e da Seguridade Social, así como ante a xurisdición civil, laboral ou penal.
Como explicaron as membros da comisión instrutora, en cada Área Sanitaria, os profesionais afectados poden contar tamén cunha asesoría confidencial, figura personificada no caso de Ourense pola técnica de Prevención de Riscos Laborais, María José Martínez Gil, que será o enlace local coa comisión, e ofertará información, orientación e acompañamento ás persoas que o soliciten durante todo o proceso.
Outro dos eixos da presentación foi a explicar as garantías que incorpora o procedemento, tanto para protexer ás persoas afectadas como ás que colaboren na investigación dos feitos, entre as que destaca a confidencialidade, xunto con garantías de celeridade na tramitación, a imparcialidade e medidas para evitar calquera tipo de represalia. Igualmente prevese a adopción de medidas cautelares e organizativas para evitar o contacto entre a vítima e a persoa denunciada, cando sexa preciso, garantindo que estas actuacións non supoñan un prexuízo para a persoa afectada.
Escenarios e condutas de acoso/discriminación
Na intranet está dispoñible tamén unha versión, mais esquemática, que axuda a coñecer polo miúdo a protocolo, incluíndo un apartado no que María Dolores Lago Taboada, xefa do Servizo Central de Prevención de Riscos Laborais quixo facer especial fincapé “xa que facilita coñecer cales son as conductas de acoso e discriminación tanto verbais como xestuais, comportamentos físicos, de chantaxe sexual ou de creación dun acoso ambiental no traballo” explica.
Algúns das situacións recollidas son as bromas ou comentarios sobre a aparencia sexual; preguntas e insinuacións sobre a vida privada, que afecten a súa integridade ou identidade sexual; as conductas hostís por exercer os dereito de conciliación da vida persoal, familiar e profesional; descualificacións públicas e reiteradas sobre a persoa, o seu posto de traballo e a súa implicación, por razón de xénero, orientación ou identidade sexual; infravolaración, desprezo ou illamento de quen non se comporte conforme os roles sociais socialmente asignados ao seu sexo; ou, entre outras moitas situacións, comentarios despectivos sobre as mulleres, homes ou dos valores considerados femininos ou masculinos e, en xeral, comentarios sexistas baseados en prexuízos de xénero.
