SanidadeÚltima hora

A IX Galleta Solidaria contra o Cancro Infantil chega ao Barco, Verín, Xinzo e Ourense

Contarase con arredor de 4.000 galletas grazas a 12 pastelerías ourensás integradas na asociación do gremio

 

A Galleta Solidaria contra o cancro infantil volve á provincia para recadar fondos destinados á investigación desta enfermidade nos máis pequenos. Esta iniciativa solidaria, xa consolidada e recoñecida entre os ourensáns, alcanza este ano a súa novena edición.

Pastelerías da cidade e provincia de Ourense integradas na Asociación Provincial de Pasteleiros e Confiteiros participan nesta campaña, para a que elaboraron arredor de 4.000 galletas que se poderán adquirir este xoves, 11 de xuño en diferentes puntos da provincia. No caso da cidade de Ourense, a localización será na rúa do Paseo número 20, a carón do centro cultural Ángel Valente.

Como novidade este ano, parte das galletas venderanse tamén nas delegacións que a Asociación contra o Cancro ten nas vilas de Xinzo, Verín e O Barco de Valdeorras co fin de estender esta iniciativa solidaria a toda a provincia. Ademais, as pastelerías que as elaboran xa teñen á venta estes doces solidarios.

No caso do Barco, as gallegas poden adquirirse nunha mes instalada pola Asociación Española contra o Cancro (AECC) na praza do Concello.

 

 

Desde que comezou esta iniciativa, a Galleta Solidaria conseguiu recadar un total de 38.517 euros nas oito edicións celebradas, que foron destinados integramente á investigación do cancro infantil a través da doazón da Asociación Provincial de Pasteleiros e Confeiteiros de Ourense á Asociación Española Contra o Cancro de Ourense.

A actividade conta co apoio e colaboración do Inorde, as Fundacións Seur e CEO, reforzando así o seu impacto solidario.

Fotos: A.R.

Back to top button