O ano que vén o Rallye de Ourense cumprirá 60 anos, unha data que poucos eventos destas características poden celebrar, así que a Escudería Ourense aproveitará para darlle un xiro e preparar algo especial. De aí que na 59 edición que se celebrará os días 12 e 13 de xuño, a cuarta proba do Supercampionato de España de Rallyes 2026, haxa poucos cambios.

O 59 ROU será continuísta na liña do rallye do ano pasado co epicentro novamente no parque de San Lázaro, con tres tramos a dobre pasada o venres e outros tres o sábado e, “tendo en conta a gran acollida que tivo tanto o ano pasado como o anterior, a segunda pasada dos tramos do venres serán de noite, é dicir contaremos con tres tramos nocturnos”, explica o presidente da escudería Jano Fraga, destacando o total do pecorrido, “469,79 km, dos cales 149,24 son de tramos cronometrados distribuídos en doce especiais e o resto son enlaces, tendo en conta que o máximo que permite a Federación son 150”.
Tras meses de intenso traballo nos despachos, o ROU volverá ás estradas da provincia de Ourense na fin de semana con seis tramos a dobre pasada, aínda que esta edición botaba a andar o 4 de maio coa apertura de inscricións e os motores escoitaranse ruxir xa pola semana. O mércores e xoves 10 e 11 de xuño serán xornadas de recoñecemento; o venres día 12 pola mañá o shackedown no Pereiro de Aguiar e pola tarde comeza o rallye. Ás 11 horas será o tramo cronometrado de calificación TCC e a elección da orde de saída da proba será ás 12:15 horas no Parque de San Lázaro.

Con todo, o 59 Rallye Ourense Recalvi comezará oficialmente este xoves 11 de xuño coa cerimonia de saída prevista para as 22 horas desde San Lázaro, onde tamén estará o parque pechado na noite do venres ao sábado, farase o reagrupamento do sábado ao mediodía e levarase a cabo a entrega de trofeos o sábado pola tarde (19:30 horas), tras as verificacións técnicas finais.

A primeira xornada de competición (venres 12 de xuño), estará composta por tres tramos cronometrados a dobre pasada: Amoeiro con 13,32 kms ás 18:30 e 22:30 horas; San Amaro-Cenlle, con 12,09 km ás 19:25 e ás 23:15 horas; e Ribadavia-Arnoia, con 9,50 km ás 20 e 23:50 horas, pechando a primeira etapa da cita valedeira para o Supercampionato.
Para o sábado 13 de xuño, segunda e última xornada de competición, están previstos outros tres tramos a dobre pasada: Taboadela, con 12,36 km ás 10:25 e ás 15:10 horas; A Merca-Celanova, con 12,74 km ás 11:10 e ás 15:55 horas; e Cartelle-Toén con 14,61 km ás 12:05 e ás 17:25 horas, marcando o final desta edición na que se espera moita calidade e moita participación.

Coma sempre a zona de asistencia e a oficina da carreira están en Expourense onde esta tarde se ultimaban os preparativos e poñían a punto os coches tal como pode verse nas imaxes.
Máis información na edición en papel do periódico O SIL Deportivo.
Fotos: Carlos G. Hervella.
