
Monforte de Lemos acollerá o vindeiro 19 de xuño o Foro sobre a Vivenda na Ribeira Sacra, unha iniciativa promovida conxuntamente pola Asociación Empresarial Ribeira Sacra Next, a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), co obxectivo de abrir un espazo de reflexión, análise e proposta sobre un dos principais desafíos que afronta actualmente o territorio: o acceso á vivenda.
A presentación oficial do encontro tivo lugar hoxe na sede da CEO, onde os representantes das tres entidades organizadoras coincidiron en sinalar que a problemática da vivenda se converteu nun obstáculo para a fixación de poboación, o desenvolvemento empresarial e a atracción de talento, especialmente nas contornas rurais.
Durante a rolda de prensa, o vicepresidente da CEO, César Blanco, destacou que a vivenda se converteu nun dos retos estruturais máis determinantes para o futuro da Ribeira Sacra. Segundo sinalou, a dificultade para acceder a unha vivenda axeitada afecta directamente á fixación de poboación, ao desenvolvemento económico, á capacidade de atraer talento e ao equilibrio territorial. Neste contexto, explicou que o foro nace coa vontade de achegar datos, escoitar especialistas e construír propostas realistas e compartidas que permitan avanzar cara a unha estratexia de vivenda adaptada ás necesidades reais do territorio.
A continuación, o presidente de Ribeira Sacra Next, Severino Rodríguez, puxo o acento na importancia de que este debate se impulse desde o propio territorio rural e lembrou que se trata dunha problemática que transcende a Ribeira Sacra e afecta a numerosas zonas do interior. De feito, destacou que hai concellos na zona da Ribeira Sacra cunha poboación de entre 1.000 e 1.500 habitantes nos que non existe nin unha soa vivenda para alugar, e que as empresas que queren contratar traballadores atopan o problema de que estes non teñen na zona un lugar onde vivir.
Rodríguez sinalou que o obxectivo da xornada é reunir a todos os actores implicados para consensuar medidas urxentes que permitan avanzar na solución do problema e sentar as bases dunha mesa de traballo estable que facilite a posta en práctica das conclusións que se extraian do encontro. Así mesmo, destacou a necesidade de activar o importante parque de vivendas baleiras existente no territorio para favorecer a súa incorporación ao mercado do alugueiro. Rodríguez cualificou o problema da falta de vivenda como “gravísimo” e destacou que só en Monforte de Lemos hai arredor de 1.500 vivendas baleiras que non se poñen en alugueiro.

Segundo Rodríguez, os actores implicados tanto na cuestión da vivenda como na organización do foro parten do diagnóstico de que existe un problema grave para o que só cabe actuar de maneira colaborativa co fin de atopar solucións e alcanzar un pacto entre todas as partes. Severino Rodríguez afirmou que a escaseza de oferta residencial compromete a capacidade das empresas para atraer e reter profesionais cualificados, unha circunstancia especialmente acusada no medio rural, onde tamén se podería fomentar como actividade económica a rehabilitación destas vivendas no conxunto do territorio.
Pola súa banda, o secretario xeral da CEL, Jaime López, incidiu na repercusión que a falta de vivenda accesible ten sobre a competitividade empresarial, ademais doutros problemas como as infraestruturas ou as conexións que, lembrou “por desgraza compartimos ambas provincias”. En canto ao foro, destacou que será un espazo para reflexionar e debater sobre propostas que poidan chegar a bo porto. López avanzou que haberá máis colaboracións con Ribeira Sacra Next que servirán de nexo de unión entre ambas confederacións para abordar os problemas comúns dun eixo interior que “ten que estar máis unido ca nunca para captar máis fondos europeos para as nosas provincias”.
Un programa estruturado arredor do diagnóstico e das solucións
O foro celebrarase no Parador de Turismo de Monforte de Lemos e contará coa participación de expertos en urbanismo, desenvolvemento territorial, economía, notariado, promoción inmobiliaria e xestión pública, ademais de representantes das diferentes administracións.
A xornada estruturarase en cinco mesas de traballo. A primeira estará dedicada ao diagnóstico da situación da vivenda, na que se analizarán as principais dificultades existentes e as súas causas. Posteriormente, unha segunda mesa abordará os instrumentos e ferramentas dispoñibles para impulsar políticas de vivenda eficaces, tanto desde o ámbito público como desde a iniciativa privada.
Tras unha pausa, o programa continuará cunha mesa centrada na gobernanza e na colaboración institucional, orientada a explorar fórmulas de cooperación no deseño, xestión e avaliación de políticas públicas. Xa pola tarde, representantes das principais formacións políticas con presenza no Parlamento de Galicia exporán os seus plantexamentos sobre a acción pública en materia de vivenda.
Como peche, o foro celebrará unha quinta mesa de debate baixo o título “Explorando un Pacto pola Vivenda na Ribeira Sacra”, un espazo concibido para identificar consensos e avanzar cara a unha folla de ruta compartida que permita responder a un dos principais desafíos demográficos, sociais e económicos do territorio.
As conclusións da xornada servirán como base para impulsar futuras liñas de traballo e favorecer a posta en marcha de medidas concretas que contribúan a mellorar o acceso á vivenda na Ribeira Sacra e, con iso, reforzar as oportunidades de desenvolvemento e fixación de poboación no medio rural.
