EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Valdeorras impulsa a súa proxección internacional na Experiencia Verema Tenerife

O godello consolídase "como emblema da denominación nos grandes escaparates enolóxicos, apostando pola promoción, a formación e o contacto directo con prescritores do sector", asegura o seu consello regulador

Foto: A.R.

 

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras estará presente o próximo 15 de xuño na Verema Experiencia Santa Cruz de Tenerife, coa participación de 11 adegas e 17 referencias distintas, todas elas viños brancos amparados pola variedade monovarietal godello.

Será unha experiencia enolóxica dirixida tanto a profesionais do sector como a público afeccionado ao mundo do viño, que terá lugar no Hotel Iberostar Grand Mencey en horario de de 12,00 a 15,00 e de 17,00 a 20,30 horas. “Para nós é fundamental seguir abrindo novos mercados e consolidando a presenza dos viños da Denominación de Orixe Valdeorras naqueles destinos cun gran potencial de crecemento. Tenerife recibe cada ano un importante volume de visitantes nacionais e internacionais, o que a converte nun escaparate estratéxico para os nosos viños. Aínda que xa contamos con referencias presentes neste mercado, o noso obxectivo é incrementar o seu coñecemento e presenza, impulsando tanto as adegas de maior tamaño como ás máis pequenas para que poidan aproveitar as oportunidades que ofrece este territorio”, explica Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.

Sobre a Experiencia Verema

A Experiencia Verema é un evento enolóxico de referencia que percorre distintas cidades españolas e configúrase como un showroom de viños no que adegas de todo o país presentan as súas elaboracións en formato de degustación aberta.

Este encontro reúne a profesionais do sector, como catadores, distribuidores, hostaleiros e medios especializados, xunto a afeccionados, que comparten un espazo de encontro no que se presentan novos viños e anadas, celébranse catas dirixidas e foméntase o networking entre os distintos profesionais do sector, favorecendo o intercambio de coñecementos e a creación de novas oportunidades comerciais.

No que vai de ano, o Consello Regulador do D.O. Valdeorras xa participou en tres eventos promovidos por Verema nas cidades de Madrid, Valencia e agora, Santa Cruz de Tenerife.

Outros actos promocionais

Con todo, a axenda do Consello Regulador en Santa Cruz de Tenerife non se limitará a este evento. Durante os días 16 e 17 de xuño, os viños de Valdeorras estarán presentes nun túnel do viño e nunha actividade
organizada pola WSET.

Mentres que a experiencia Verema está dirixida a un público amplo e diverso, o túnel do viño permitirá un contacto máis directo con restauradores, hostaleiros e influencers especializados, favorecendo así a prescrición e a visibilidade no sector, segundo explica da D.O. Valdeorras.

Pola súa banda, o evento da WSET reunirá a participantes cun alto nivel de coñecemento e formación no ámbito do viño, o que supón unha oportunidade estratéxica para o posicionamento da denominación en contornas de máxima especialización.

Ambas sesións contarán coa participación do director técnico da D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira, quen sinala que “queremos que Valdeorras se consolide como unha das denominacións de referencia en Galicia, reforzando o seu recoñecemento en mercados nacionais e internacionais e entre os profesionais do sector”.

Back to top button