
A Dirección de Enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras participa hoxe na xornada dirixida ao alumnado, que remata seus estudos de enfermería na Escola Superior de Saúde da Cruz Vermella Portuguesa-Alto Tâmega, en Chaves, co obxectivo de trasladar ás futuras e futuros profesionais as vantaxes laborais do sistema sanitario público galego, e as oportunidades de traballo nos hospitais e centros de saúde de Ourense
A actividade, organizada pola escola portuguesa, no marco da semana de seminarios do alumnado de 4º curso, está orientada a facilitar a transición entre a etapa formativa e o mercado laboral. Cun carácter práctico e informativo, a xornada permite a interacción entre o alumnado e as institucións ou centros sanitarios participantes, o que facilita informar sobre condicións laborais, as vías de acceso ao emprego, posibilidades de desenvolvemento profesional, especialización, etc.
O equipo de Ourense estivo encabezado pola directora da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras Josefa Rodríguez, acompañada por Verónica Civeira, subdirectora de enfermería de Atención Primaria; xunto a Cecilia Merino, especialista de enfermería pediátrica, e Cristian Vispo, ambos supervisores de enfermería de Área.
Rodríguez Araujo foi a responsable da presentación ao alumnado, na que deu a coñecer as características da área a nivel de infraestruturas e organización enfermeira; as vías de inscrición nas listas de contratación, a través do programa FIDES, e as ofertas públicas de emprego, así como as especialidades implantadas na provincia.

Relación estable coa Escola de Chaves
A Dirección de Enfermería quixo trasladar tamén a relevancia do papel da enfermería nos equipos asistenciais, tanto no ámbito hospitalario como en Atención Primaria, nun contexto no que a profesión ten un peso crecente na continuidade de coidados, na educación sanitaria, na atención a pacientes crónicos, na seguridade asistencial e na humanización da atención.
Este é o segundo ano que a Área Sanitaria participa nesta xornada, e a súa presenza enmárcase na relación estable que mantén coa Escola Superior de Saúde da Cruz Vermella Portuguesa-Alto Tâmega. Moi especialmente a través do convenio de prácticas, que permite ao alumnado da escola realizar estadías formativas, principalmente no Hospital Público de Verín, e tamén noutros centros da provincia.
A relación coa Escola Superior de Saúde, forma parte dunha cooperación institucional máis ampla, no marco da Eurocidade Chaves-Verín, unha estrutura de colaboración europea transfronteiriza que promove intereses comúns entre ambos territorios.

