EconomíaEconomíaÚltima hora

Comeza o obradoiro dual de emprego “Valdeorras embelece V”, no que participan O Barco, A Rúa, Petín e Vilamartín

 

Vén de poñerse en marcha unha nova edición do obradoiro dual de emprego “Valdeorras embelece V”, no que participan os Concellos do Barco, A Rúa, Petín e Vilamartín de Valdeorras. Esta mañá os rexedores destes municipios visitaban a aula da urbanzación A Cerámica, do Barco, onde se están a impartir as claases.  Nesta iniciativa participan os concellos do Barco, Vilamartín, Petín e, por primeira vez este ano, A Rúa.

Neste obradoiro, que terá unha duración de nove meses, participan un total de 20 alumnos/traballadores destes catro municipios. Durante o seu desenvolvemento, o alumnado recibirá formación en actividades auxiliares en viveiros, xardíns, centros de xardinería (12 alumnos/as), e traballos de carpintería e moble (8 alumnos/as).

Ademais, contará esta iniciativa cun equipo de persoal composto por un director, tres docentes e un administrativo de apoio, todos con xornada completa de traballo, e un docente de educación básica, con xornada de 30 horas semanais.

A alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, abría a quenda de intervencións dos alcaldes e daba a benvida aos participantes no obradoiro e resaltaba as oportunidades formativas e laborais que supón unha actividade deste tipo. “Aproveitade o obradoiro a tope”. Na mesma liña se manifestaba a alcaldesa da Rúa, María G. Albert. “É un obradoiro interesante, traballo hai e hai moita demanda de persoal deste perfil”.

 

 

Nesa mesma idea incidía  a alcaldesa en funcións de Vilamartín, Sherezade Núñez. “Esta é unha oportunidade única”, apuntaba, lembrando ademais que o obradoiro “vai permitir embelecer os espazos públicos dos concellos participantes”.

Finalmente, o alcalde do Barco, resaltaba novamente que “este é un obradoiro de emprego e aqueles que queirades aproveitalo vades ter oportunidades unha vez que remate isto, e sabédelo ben e se estades formados hai demanda, moita demanda, as empresas quéixanse continuamente de que falta persoal, xente con ganas de traballar”.

Este obradoiro terá como obxectos de actuación para a súa execución, os seguintes:

No Concello do Barco:
– Elaboración e colocación de bancos de madeira no municipio do Barco.
– Elaboración e colocación de marquesinas de madeira en ASFAVAL.
– Valado parques infantís en O Barco.
– Elaboración e colocación de cobrecontedores no municipio do Barco.
– Acondicionamento dos xardíns de diversos núcleos do municipio do Barco.

No Concello de Petín:
– Acondicionamento praza Freixido en Petín.
– Elaboración e colocación de xardineiras de madeira en Petín.
– Acondicionamento zona deportiva Petín: piscinas, xogos biosaudables e petanca en Petín.
– Valado Casa do Pobo e taboleiro de anuncios Carballal en Petín.
– Poda en xardíns de diversos núcleos do municipio de Petín.

Esta iniciativa foi aprobado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega 454.552 euros de subvención.

Fotos: Concello do Barco.

Back to top button