
Na tarde do mércores 17 de xuño a Federación Galega de Baloncesto celebraba a Gala Basketgal 2026 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. A cerimonia, recuperada en 2025 despois de 18 anos sen celebrarse, chegaba á súa segunda edición consecutiva recoñecendo aos protagonistas da tempada 2025-26 a través dos Premios Basketgal, alén de distinguir figuras históricas cos Premios Lendas do Baloncesto Galego.

Blanca Millán e Isaac Vázquez recibían os premios á mellor xogadora e mellor xogador sénior da tempada. O galardón ao mellor adestrador foi para Suso Garrido (Durán Maquinaria Ensino Lugo), e o de mellor árbitro para Paula Lema.
O premio ao mellor club recae no Galogrín, en recoñecemento a un modelo de traballo de base que suma 57 equipos e que achega xogadores e xogadoras ás seleccións galegas. Na categoría de formación, o premio masculino é para a Selección Galega 3×3 U13, medalla de ouro no Campionato de España 2025, e o feminino para Sandra Martínez (Seis do Nadal), recente fichaxe do Baxi Ferrol. O premio á Acción Social distingue o proxecto Rural Champs, e o galardón aos mellores directivos foi para José Luis Gómez e Almudena Álvarez, do CB Barco de Valdeorras (MV Barco).

“Facer que os nenos practicasen deporte no Barco de Valdeorras foi un dos empeños destes directivos do C.F.S. Baloncesto Barco. Un traballo que consolidou esta temporada 10 equipos e unha forte aposta polo baloncesto feminino”, aseguran dende a Federación, motivo polo cal lles entregaban o recoñecemento.

