En portadaÚltima hora

Germán García-Ávila, alcalde de Viana: “Isto quedou como se pasara un tsunami, necesitamos axuda de todas as administracións”

O rexedor vén de pedirlle á conselleira de Infraestruturas que a Xunta declare a situación de emerxencia neste área para poder así solicitar a declaración de zona catastrófica ao Estado

 

A zona de Viana do Bolo era especialmente golpeada polas intensas choivas de onte e polos arrastres de pedra e lodo que cubren arestora varias aldeas do municipio. Tamén sufría considerables danos a estrada OU-533 (A Rúa-A Gudiña), ao seu paso por Pradocabalos. Nese punto, explica o alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila, está traballando a Xunta. “Están actuando alí onde a ponte, esa estrada é de titularidade autonómica” e manifesta tamén a súa preocupación pola situación da ponte nese lugar.  “Aí podería haber un problema importante porque hai miles de toneladas acumuladas contra a ponte de Pradorramisquedo” e así llo transmitía á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, que visitaba ese punto esta mañá. “Penso que pode haber risco nun futuro, e hai que liberar e limpar todo iso”.

Especialmente grave é o estado da localidade da Bouza, “que é a zona cero, é onde está peor a situación, está que mete medo”, prosegue o rexedor vianés. Ata alí tamén se desprazaba a conselleira para ver o estado. No intre de falar co alcalde esta tarde, estaba agardando a que chegaran dúas palas da Deputación para actuar no lugar. “Trátase de que comecen a liberar aquilo para que a auga teña saída no caso de que volva chover e para que os  veciños poidan recuperar a auga de grifo. Auga potable non teñen e, dende o Concello, subministrámoslle auga esta mañá”. Ademais o Concello falicitoulles 300 metros de mangueira “porque con iso dixérnnos que podían xa arranxar e hoxe igual podían ter auga xa de grifo”.

Tamén están actuando as palas da Deputación na estrada entre Pixeiros e A Bouza, que está cortada, “e iso vai estar durante moitísimo tempo porque aí produciuse un buraco e pedras que pesan toneladas”, matiza o alcalde.

García-Ávila explica así mesmo que na aldea de Pradocabalos, polo de agora, non están actuando outras administracións, “fomos nós dende o Concello que contratamos unha pala para quitar o lodo e xa lle comuniquei á veciñanza que tiñan que dar parte aos seguros para que atendan  os danos causados nos baixos nas casas, porque se non dan parte ao seguro, o Consorcio non pode actuar”.

Dado a gravidade dos danos producidos, o alcalde vianés pediulle á conselleira de Infraestruturas que puxera todos os medios para poder recuperar a zona e colaboración, e tamén que “a Xunta de Galicia declare a situación de emerxencia. Pedinlle a conselleira que o fixeran porque estimaba que aquí isto vai supor moitísimo diñeiro para recuperalo e cantas máis administracións colaboren, mellor. Ela contestoume que era competencia de Presidencia da Xunta e que lle ía transmitir a información. Se fan esa declaración, nós dende o Concello solicitaremos ao Goberno central a declaración de zona catastrófica, é unha cuestión que temos que vela con tempo”.

O rexedor vianés incide en apelar a todas as administracións para poder levar a cabo a rcuperación destas zonas “porque o que hai que investir aí vai ser algo incrible. Isto quedou como se pasara un tsunami”.

Back to top button