EconomíaEconomíaÚltima hora

A Iniciativa galega polo liño busca recuperar o cultivo deste produto en Galicia

A Fundación Adolfo Domínguez e a Xunta veñen de asinar un protocolo de colaboración para a súa posta en marcha

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda e a Fundación Adolfo Domínguez veñen de asinar un protocolo de colaboración para a posta en marcha da Iniciativa galega polo liño, un proxecto que busca recuperar o cultivo deste produto en Galicia e xerar todo un ecosistema de ampliación de produción e xeración de emprego ao redor desta materia prima. “Trátase de revitalizar algo que tivemos durante miles de anos no noso rural, un cultivo de toda a vida”, resaltou.

Rueda informou de que esta colaboración público-privada contará cun orzamento inicial de máis de 887.000 € para promover a investigación sobre este produto e facilitar a súa recuperación como cultivo no agro galego xa que agora a produción na comunidade é residual. Nesta liña, resaltou que o liño pode ser unha gran oportunidade para dinamizar o rural, crear un novo ecosistema industrial ao seu carón e reducir as importacións de materias primas das compañías téxtiles galegas. “Isto ten unha parte económica importantísima porque, nun mundo tan competitivo, os proxectos precisan da transferencia de coñecemento, de rendibilidade económica, para non morrer”, sinalou.

Ademais, o presidente fixo fincapé na “clarísima vertente cultural” que ten esta colaboración para recuperar o liño. “Isto é a nosa identidade. Isto somos nós. O liño galego xa era unha referencia na época dos romanos. No Imperio romano o mellor liño viña de Galicia”, indicou Rueda, para asegurar que, na actualidade, “un dos exemplos de Galicia Calidade é elaborar roupa de calidade, con liño de calidade e selo galego”.

 

.

 

Recuperación de sementes e variedades autóctonas

Entre as iniciativas que se van levar a cabo ao abeiro desta colaboración está a multiplicación da semente de liño, a caracterización agronómica e xenética das variedades e a validación industrial da fibra, en colaboración co sector téxtil galego e outras entidades do sector. O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, así como os centros de formación da Consellería do Medio Rural en Guísamo, Sergude ou Monforte van crear campos de ensaio co fin de obter semente para logo poñela a disposición do sector e plantar maiores extensións en diferentes zonas de Galicia.

A sinatura tivo lugar no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo (Bergondo), no que desde 2020 contan cun pequeno cultivo de liño para producir e estudar diferentes variedades -entre elas as autóctonas- e impulsar o cultivo deste produto na comunidade.

 

 

Medidas para reducir os residuos téxtiles

Ademais, a Xunta non só aposta por unha produción sostible da roupa senón tamén por reducir os residuos téxtiles e facilitar a súa reciclaxe. Cada galego produce ao ano 30 quilogramos de residuos deste tipo, dos que nin sequera chegan a reciclarse o 1%. Para mudar esta situación, o Goberno autonómico está a levar a cabo campañas de concienciación da cidadanía e as empresas, promover a economía circular e xa están en execución as obras da que será a primeira planta pública de separación de residuos téxtiles de España. Estará ubicada en Sogama e conta cun investimento que supera os 22 millóns de euros.

Adolfo Domínguez, pioneiros na aposta polo liño

Na súa intervención, Rueda agradeceu á firma Adolfo Domínguez o seu compromiso co medio ambiente. Unha firma que foi pioneira no uso de materias primas ecolóxicas á hora de confeccionar prendas de roupa, con especial peso para un produto como o liño.

Back to top button