
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acompañou hoxe a Sherezade Núñez na súa toma de posesión como alcaldesa de Vilamartín de Valdeorras, nun acto no que reivindicou o legado de Enrique Álvarez Barreiro, puxo en valor a política municipal “que salva vidas” e deu a benvida á nova etapa que se abre no Concello.
Besteiro quixo ligar o relevo na alcaldía coa memoria recente dun municipio que sabe ben o que significa gobernar en momentos difíciles. Por iso tivo un recordo especial para Enrique, o xa ex alcalde de Vilamartín, e para o papel que xogou o Concello durante os incendios de 2025. E mostrouse convencido de que Núñez non só refrendará ese labor co seu propio traballo, senón que tamén revalidará a alcaldía o próximo ano.
O líder socialista lembrou aqueles días “moi difíciles” e as imaxes que quedaron gravadas na comarca. Referiuse, en concreto, ao camiño de saída que o Concello decidiu arranxar cando outras administracións non actuaban. “Ese camiño de saída salvou vidas naquel momento”, subliñou Besteiro, despois da toma de posesión da nova alcaldesa.
A toma de posesión estaba marcada pola situación de emerxencia que viven estes días varios concellos da provincia de Ourense polas escorrentías e os danos provocados polas trombas de auga. A propia Sherezade Núñez recoñeceu que era “un día especial”, aínda que “ensombrecido pola magnitude da catástrofe” que afecta a Vilamartín, Viana do Bolo e outros municipios da contorna.

Pola súa banda, Besteiro apuntaba que “cando tiñamos pensado vir a esta toma de posesión non tiñamos na cabeza que ía pasar o que pasou nesta semana. Unha situación de emerxencia, de catástrofe que estiveron vivindo varios concellos en Ourense”.
Advertía de que a situación vivida esta semana obriga a unha reflexión de fondo sobre o rural galego, os incendios, o abandono do monte e os efectos do cambio climático. “Incendios máis abandono acaban en catástrofes como a que vivimos desgraciadamente esta semana”, sinalou. O secretario xeral do PSdeG explicou que os danos actuais teñen moito que ver cun monte “absolutamente pelado” e “arrasado polos incendios, incapaz de conter as trombas de auga cando chegan con forza”.
E iso engadía, “lévanos a reflexionar en que temos que mirar ao noso medio rural e ao noso medio ambiente dun xeito diferente, e que temos que preocuparnos durante o inverno de botar esa mirada, que son investimentos, coidados, protección, que é o que botamos en falta, polas situacións que vivimos”.

Referíase así mesmo a Viana do Bolo. “A situación que vivimos na Bouza é consecuencia dun monte que está absolutamente pelado, arrasado polos incendios, que non contén as trombas de auga, que acode como unha escorrentía que se leva por diante todo, as imaxes hoxe eran como as que se viviron en Valencia hai máis dun ano. Isto o que nos ten que chamar é a responsabilidade. Aproveitamos para facer ese chamamento unha vez máis, a apelar que miremos polo noso medio rural, o protexamos, para logo non ter estas desgrazas que vivimos o ano pasado”.
Concluía Besteiro que “hoxe temos un acto fermoso en Vilamartín, onde se produce un cambio na alcaldía. Os cambios nas institucións democráticas e ese novo impulso que a alcaldesa lle dará tamén ao Concello é motivo de alegría e celebracións, e os nosos mellores desexos para esta nova etapa”.
Fotos: Carlos G. Hervella.

