EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

José Peñín encabeza a lista de gañadores dos XV Premios D.O. Ribeiro, que se entregarán en Vigo

• O fundador da ‘Guía Peñín de los Viños de España’ foi nomeado ‘Persoeiro de Honra’ polo Consello Regulador

Cedida.

 

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro celebrará o próximo 2 de xullo a gala de entrega dos Premios D.O. Ribeiro, que este ano chegan á súa XV edición coa cidade de Vigo como escenario, reunindo a representantes do sector vitivinícola, institucións e profesionais vinculados ao sector.

Recoñécese así “a excelencia, o esforzo e a dedicación de quen contribúe ao prestixio da denominación”, tal e como sinalou a presidenta do Consello Regulador, Concha Iglesias, que trasladou os seus parabéns a todas as persoas e entidades galardoadas, entre elas José Peñín, creador da prestixiosa Guía Peñín de Viños, elixido ‘Persoeiro de Honra’ desta edición.

Iglesias lembrou que esta gala supón “un recoñecemento ao traballo desenvolvido por adegas, viticultores e prescritores que impulsan o crecemento e a proxección de Ribeiro”, cuxos nomes se irán desvelando en datas próximas, e fixo fincapé nos méritos de José Peñín, galardoado polo seu “salientable labor divulgativo, coa que achegou a cultura vitivinícola a diferentes xeracións de consumidores”.

A presidenta do D.O. Ribeiro tamén falou da elección da cidade olívica como marco da entrega, tras dúas edicións na provincia de Ourense, invitando o sector á gala que terá lugar o 2 de xullo, ás 19.00 horas, no Auditorio Mar de Vigo. “A nosa intención”, dixo, “é seguir levando a esencia do Ribeiro a novos escenarios e achegar así a nosa cultura vitivinícola a diferentes puntos de Galicia”, explicando que a gala se celebrará en Vigo “coincidindo ademais coa celebración da Semana do Ribeiro, na que se realizarán diversas actividades de promoción e difusión na cidade ao longo deses días”.

Premios

Como xa vén sendo tradicional, o Consello Regulador do D.O. Ribeiro entregará tamén na gala os premios Vida entre Vides, Ribeiro en Nós, Mellor Tarefa de Comunicación, Universo Sumiller, Mellor Taberna-Bar de Viños, Mellor Vinoteca–Tenda Especializada e Mellor Servizo de Viño en Restaurante, que buscan recoñecer o compromiso coa conservación da tradición vitivinícola e a súa contribución á promoción da calidade e singularidade dos viños amparados pola denominación.

Ademais, no transcurso da gala entregaranse os premios aos viños gañadores da Cata Oficial que se coñecerán durante a propia cerimonia.

José Peñín. Persoeiro de Honra

Considerado unha das figuras máis influentes da crítica vinícola española e un dos principais prescritores do viño do mundo de fala hispana, José Peñín é o fundador da Guía Peñín dos Viños de España, unha publicación de referencia para profesionais, adegas, distribuidores e afeccionados, convertida desde a súa creación nunha das ferramentas de valoración e consulta máis prestixiosas do sector.

Xornalista especializado e divulgador, Peñín dedicou máis de cinco décadas ao estudo, análise e promoción da cultura do viño, sendo pioneiro en España na implantación dun sistema de puntuación e avaliación sistemática de viños, co que contribuíu decisivamente á profesionalización da crítica vinícola e á difusión de criterios de calidade que hoxe forman parte dos estándares habituais do sector.

Ao longo da súa traxectoria percorreu as principais zonas vitivinícolas do mundo, catando miles de referencias e documentando a evolución do viñedo e das adegas do país, dando visibilidade tanto a grandes produtores como aos pequenos proxectos familiares, e axudando a situar o viño español nos mercados nacionais e internacionais.

Colaborador habitual de varios medios de comunicación, o xornalista leonés tamén participou na creación dalgunhas das primeiras publicacións especializadas en viño de España, e desenvolveu iniciativas pioneiras como o Club de Selección de Viños (CLUVE).

A súa visión global do sector, que integra produción, comunicación, comercialización e patrimonio cultural, converteu a José Peñín nunha referencia para enólogos, sumilleres, adegueiros e afeccionados, e a súa contribución ao prestixio do viño español xa lle valeu numerosos galardóns ao longo da súa traxectoria, aos que agora se suma o ser elixido ‘Persoeiro de Honra’ do D.O. Ribeiro.

 

Back to top button