A Pobra de Trives celebraba un evento popular organizado con motivo do San Xoán, que reunía a numerosos veciños e visitantes nun ambiente de convivencia, tradición e diversión.
A programación incluíu unha sardiñada popular, bolos preñados, viño da Ribeira Sacra, actividades para os máis pequenos, música a cargo de DJ Bady e os tradicionais ritos desta noite tan especial, permitindo que persoas de todas as idades compartisen unha velada inesquecible.

“Desde o Concello queremos agradecer a magnífica resposta da veciñanza, así como a implicación de todas as persoas que colaboraron para facer posible esta iniciativa. A elevada participación e o excelente ambiente vivido ao longo da noite confirman o acerto dunha proposta que nace coa vontade de consolidarse no calendario festivo do municipio”, segundo indican dende o grupo de goberno trivés.

Ademais, explican que esta primeira edición serviu “non só para recuperar e compartir tradicións, senón tamén para fortalecer os vínculos entre veciños e crear novos espazos de encontro. Ademais, das conversas mantidas durante a celebración xurdiu unha idea especialmente ilusionante que esperamos poder desenvolver nos próximos meses e que contribuirá a seguir enriquecendo a vida social e cultural da vila”.
E por iso que o Concello “fai unha valoración moi positiva desta primeira experiencia e traballará para que o San Xoán da Pobra de Trives continúe medrando nos vindeiros anos, converténdose nunha cita de referencia para toda a comarca”.
Fotos cedidas.


