
A Deputación de Ourense, a través do Inorde, promove unha formación especializada en agricultura rexenerativa aplicada ao viñedo, que terá lugar o vindeiro 9 de xullo nas instalacións de The Regen Academy, Finca Can Font (Girona), un centro de referencia internacional na aplicación deste modelo agrícola sostible.
A actividade consistirá nunha masterclass presencial impartida por Francesc Font e Nuri Madeo, profesionais con máis de vinte anos de experiencia no ámbito da agricultura rexenerativa, que ofrecerán unha formación eminentemente práctica nunha explotación vitícola en funcionamento onde este modelo se aplica con éxito desde hai unha década.
A xornada terá unha duración máxima de sete horas e combinará unha parte teórica cunha visita técnica ás viñas para coñecer sobre o terreo diferentes prácticas orientadas á recuperación da saúde dos solos, á mellora do desenvolvemento vexetativo do viñedo e á sustentabilidade das explotacións.
As persoas interesadas en participar deberán cumprir as bases da convocatoria e presentar a correspondente solicitude, comprometéndose á aplicación, nunha finca da súa propiedade ou en réxime de alugueiro, dalgún dos métodos aprendidos durante a formación. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 4 de xullo de 2026.
Toda a información sobre esta acción formativa, así como o formulario de solicitude, está dispoñible na páxina web da Deputación de Ourense e do Inorde, ademais das redes sociais deste organismo.
Un proxecto europeo para avanzar cara a unha economía circular
Esta iniciativa forma parte do proxecto europeo CIRCULAR ECOSYSTEMS, orientado ao desenvolvemento de ecosistemas territoriais e solucións sistémicas de economía circular para previr a contaminación. O proxecto conta cunha cofinanciación do 75 % a través do Programa de Cooperación Transfronteiriza INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
O Inorde participa na execución desta iniciativa, liderada pola Fundación Patrimonio Natural de Castela e León, xunto co Concello de Valladolid, a Deputación de Ávila, o Municipio de Guimarães e o Municipio de Matosinhos.
O obxectivo principal de CIRCULAR ECOSYSTEMS é impulsar accións conxuntas que contribúan á prevención da contaminación mediante o desenvolvemento de estratexias territoriais de economía circular e a posta en marcha de accións piloto con capacidade demostrativa e alto potencial de replicación.
A agricultura rexenerativa como ferramenta de futuro para o viñedo
No caso do Inorde, a acción piloto céntrase na aplicación da agricultura rexenerativa como unha ferramenta eficaz para restaurar a saúde do solo e favorecer un desenvolvemento máis sostible do viñedo.
Entre as prácticas que se promoverán destacan a poda de respecto, a implantación e mantemento de cubertas vexetais, a conservación da estrutura do chan evitando aradas e mecanizacións excesivas, así como o aproveitamento dos propios subprodutos da viña —como os bacelos ou o bagazo— para a súa reutilización como fertilizantes e produtos biofuncionais.
Estas actuacións contribúen á mellora da fertilidade dos solos, ao incremento da biodiversidade e á prolongación da vida útil das estruturas produtivas, favorecendo unha viticultura máis resiliente, eficiente e respectuosa co medio ambiente.

