EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Monterrei presenta en Santander o potencial e a excelencia dos seus viños

 

Os viños da Denominación de Orixe Monterrei estiveron presentes na cidade de Santander o día 22 de xuño nun showroom profesional celebrado no exclusivo Gran Casino Sardinero nunha localización privilexiada fronte á Praia do Sardinero.

Está presentación permitiu aos asistentes profesionais descubrir o potencial e a versatilidade dos viños de Monterrei co obxectivo claro de “dar a coñecer a calidade, diversidade e personalidade dos viños elaborados neste territorio vitivinícola nunha cidade tan importante como Santander”, segundo o seu consello regulador.

Neste showroom organizado polo propio Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei os asistentes puideron degustar 45 referencias (29 viños brancos e 16 viños tintos) de 22 adegas amparadas baixo o selo de calidade da denominación. As adegas asistentes foron: Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Ladairo, Fragas do Lecer, Minius, Daniel Fernández (Alba Al-Bar), Franco Basalo, Trasdovento, Triay, Terras do Cigarrón, Pazo de Valdeconde, Vía Arxéntea, Tabú, Terra de Godello, Gargalo, Father 1943, Crego e Monaguillo, Manuel Regueiro García (Serra de Alén), Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Ramón Bigotes, Quinta do Buble, Jose Luis Gómez Ibáñez (Valderello) e Manuel Vázquez Losada.

“Santander representa un mercado de gran interese para os nosos viños. Este showroom permítenos mostrar de primeira man a calidade e autenticidade das nosas elaboracións, así como fortalecer a relación con profesionais que desempeñan un papel fundamental na difusión da cultura do viño de Monterrei”, indica o presidente do C.R.D.O. Monterrei, Manuel Vázquez Losada.

Fotos cedidas/ Manuel Castro.

 

Back to top button