
O C.R.D.O. Ribeiro fai público o completo programa de actividades da Semana do D.O. Ribeiro en Vigo, que se dará por iniciada o vindeiro luns, 26 de xuño e ata o día 3 de xullo na cidade olívica.
A presidenta do organismo, Concha Iglesias Pousa, con respecto ao programa, invita a desfrutar das actividades programadas na Semana do D.O. Ribeiro, que se repartirán entre a Zona Franca de Vigo, onde se desenvolverá o Túnel dos Viños do D.O. Ribeiro, así como as catas temáticas e o Auditorio Mar de Vigo, que acollerá a gala de entrega de premios.
O Túnel dos Viños poderase visitar o luns, martes e mércores en horario de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 con entrada gratuíta, previa inscrición en www.ribeiro.wine/premiosdoribeiro, e en palabras de Iglesias “nel vense reflectidos os tres vales da Denominación (Avia, Miño e Arnoia) e o público pode catar máis de 50 viños, brancos, tintos, monovarietais, coupages… para saír de alí cunha idea xeral de como son os nosos viños e apreciar a calidade e a variabilidade no noso territorio”.

En canto ás catas, desenvolveranse durante as tardes de luns a mércores, de 20.00 a 21.30 horas, na Zona Franca de Vigo, sendo a primeira o luns, que versará sobre os viños tintos D.O. Ribeiro, identidade e diversidade, e estará dirixida por Jorge Vila DipWSET.
O martes, está prevista unha cata especializada en viños brancos plurivarietais e de colleitas antigas, guiada polo catador Alejandro Paadín. Para rematar, o mércores será o momento de descubrir máis a fondo a variedade de uva reina no Ribeiro, a Treixadura, da man do catador Antonio Caldelas, con diversas elaboracións e tipos de viño con esta uva.
XV Gala Premios D.O. Ribeiro
O acto central do programa será a XV Gala Premios D.O. Ribeiro, que terá lugar o xoves, 2 de xullo, a partir das 19.00 horas, no Auditorio Mar de Vigo, e na que como xa é tradicional, recoñecerase o labor de persoas, entidades e lugares que difunden o viño, así como se desvelarán os viños gañadores do Concurso-Cata Oficial da D.O. Ribeiro.

