PolíticaÚltima hora

O BNG do Barco pedirá no pleno “unha maior implicación do Concello cos problemas de abastecemento de auga no municipio”

Manuel Agra, voceiro municipal do BNG no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Entre os asuntos que a Corporación barquense abordará na sesión plenaria ordinaria de xullo estará unha moción presentada polo grupo municipal do BNG, a través do seu voceiro municipal, Manuel Agra; na que se pide “unha maior implicación do Concello cos problemas de abastecemento de auga no municipio”.

No texto da iniciativa, o BNG sinala que “a pesar da riqueza hídrica do municipio, paradoxalmente, máis frecuentemente do normal, veciñas e veciños de distintas aldeas teñen problemas de subministro de auga potable”. Así mesmo, indica que, “se en situación normal a auga da traída das aldeas pode vir turbia polas tormentas, desde hai un ano o problema agravouse tras os incendios de agosto de 2025, no que ardeu a maior parte do monte da comarca”.

Neste senso, o BNG do Barco cre que “o Concello, como administración máis próxima á veciñanza afectada por frecuentes problemas de subministro de auga potable, debe poñerse á fronte e implicarse en solucionar estas deficiencias. Non pode, o Concello, desentenderse alegando que é unha traída privada se a auga deixa de ser apta para o consumo, polo motivo que sexa, neste caso polos incendios”.

E por iso que a moción, na súa parte final pide o apoio da Corporación para tomar os seguintes acordos:

“1. AXUDA TÉCNICA E APOIO SUBSIDIARIO:
a) Limpeza das captacións. O Concello colaborará cos veciños e veciñas nos labores de retirada de lodos, cinzas ou pedras poñendo ao seu dispor operarios e maquinaria municipal.
b) Asesoramento técnico. O Concello creará un protocolo de apoio técnico permanente para a mellora dos sistemas de cloración e filtrado destas redes veciñais, sen custos de enxeñería para as comunidades.
2. GARANTÍA DE ABASTECEMENTO ALTERNATIVO INMEDIATO:
a) Protocolo de urxencia automatizado. Instar o Concello e Consorcio de Augas de Valdeorras a activar automaticamente camións cisterna e fontes de auga portátil en canto se detecte turbidez nas redes polos arrastres.

b) Transparencia e información pública: instar o Concello a informar á veciñanza de forma inmediata sobre a calidade real da auga e analíticas cando existan dúbidas da potabilidade.

3. LIÑA DE AXUDAS ECONÓMICAS MUNICIPAIS:

a) Subvencións para reparacións: Crear unha partida orzamentaria específica nos orzamentos para axudar as comunidades de usuarios a financiar averías estruturais nas tubaxes ou depósitos derivados das catástrofes naturais (incendios, desprendementos).

4. AUDITORÍA E PLAN DE TRANSICIÓN AO SISTEMA PÚBLICO (SE FOSE SOLICITADO):

a) Inventario e diagnóstico de traídas: O Concello fará un estudo do estado das traídas privadas do municipio para detectar deficiencias graves.
b) Facilidades para municipalización. Se algunha comunidade de veciños e veciñas o solicita que non haxa custos de adaptación técnica inicial para a veciñanza.

5. INSTAR A XUNTA DE GALICIA (Consellería do Medio Rural e Augas de Galicia) a executar de urxencia un plan de CONSOLIDACIÓN e REFORESTACIÓN do solo nas ladeiras queimadas que afectan ás concas dos ríos e regatos do municipio”.

Back to top button